Luisa Sánchez percorre Vigo con Montse Tomé e mulleres do fútbol provincial

27/03/2025

Luisa Sánchez percorre Vigo con Montse Tomé e mulleres do fútbol provincial

 

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, percorreu esta tarde o casco histórico de Vigo coa adestradora da selección española de fútbol, Montse Tomé, e directivas e xogadora dos principais clubs de fútbol femininos da provincia. “Como vicepresidenta, e sobre todo como deputada delegada da área de Deportes, non podo máis que sentirme orgullosa destas mulleres, grandes referentes que demostran que con esforzo pódense alcanzar todos os soños”, asegurou Sánchez quen tamén aproveitou a ocasión para amosar o firme compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra co fútbol feminino e para poñer en valor grandes figuras desta modalidade deportiva nacidas na provincia, como é o caso de Tere Abilleira, xogadora da selección que lidera Tomé.

Na xuntanza déronse cita, ademais de Luisa Sánchez e Montse Tomé, a presidenta das Celtas, Marián Mouriño, xunto con Xisela Aranda, conselleira, e a capitana, Lara Martínez, a presidenta do Sárdoma CF Begoña Aldao e as capitanas do equipo; a adestradora do Atlético Villalonga, Romina Dadín, e a directiva do Lóstrego CF, Laura Couñago.