Luis López sinala o Poio Pescamar como referente do deporte feminino e reitera o compromiso da Deputación coa visibilización das deportistas

O presidente da Deputación felicitou as xogadoras polo segundo subcampionato da historia do club na Supercopa de España nunha recepción no Pazo provincial

26/02/2024

Pescamar Poio e Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, felicitou as xogadoras do Poio Pescamar polo éxito acadado o pasado 4 de febreiro, cando conseguiron o segundo subcampionato da historia do club na Supercopa de España. O mandatario provincial salientou non só os bos resultados que vén conseguindo o equipo conserveiro nas últimas tempadas, senón tamén os valores de esforzo e traballo en equipo que transmiten, así como a promoción de Poio e da provincia por toda España e a visibilidade do deporte feminino. “Queremos darvos as grazas, estamos moi orgullosos do voso traballo”, afirmou Luis López.

O mandatario provincial reiterou o apoio da Deputación ao deporte feminino, un compromiso que queda demostrado co apoio aos equipos da provincia e mais coa a aposta por traer as seleccións femininas, como ocorreu coas campioas do mundial de fútbol no pasado mes de decembro en Pasarón, ou como está previsto para o vindeiro mes de abril cun partido do combinado nacional feminino de balonmán no Porriño.

Luis López, que se declarou “moi futboleiro”, tivo tamén palabras de agarimo para a xogadora do Poio Pescamar Marta Peñalver, que volveu caer lesionada de gravidade só dez días despois de regresar aos terreos de xogo tras recuperarse dunha rotura de ligamento cruzado do seu xeonllo. “Deséxolle moito ánimo, estou seguro de que cando volva o vai dar todo”. Así mesmo, prestoulles atención ás demandas do presidente do club, Juanjo García, quen explicou todas as necesidades que teñen os equipos femininos para manterse na elite.

Finalmente, o presidente da Deputación recibiu un agasallo da man das xogadoras do equipo vermello ―unha camiseta asinada por todas as xogadoras―, e mais o agradecemento polo apoio prestado pola Deputación. 

Galerias de imaxes