Luis López sinala o medio século de traxectoria de éxito da firma Rodman Polyships como mostra da influencia do naval na economía, industria e emprego da provincia
O mandatario provincial participa, xunto co presidente Alfonso Rueda, na celebración do cincuenta aniversario dunha empresa que lidera desde a ría de Vigo a construción de barcos a nivel mundial
27/11/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o medio século de traxectoria de éxito na industria naval da firma Rodman Polyships como mostra da importancia e influencia deste sector no crecemento económico, na promoción do emprego e no desenvolvemento industrial da provincia. “O Grupo Rodman e o seu presidente Manuel Rodríguez explican por que nesta pequena ría situada na esquina da península triunfou unha empresa que é un exemplo global de fortaleza, innovación e saber facer que suma a cifra de 1.500 embarcacións construídas”, salientou o mandatario provincial, que vén de participar este mércores nas instalacións que esta empresa ten no estaleiro de Meira, en Moaña, na celebración do cincuenta aniversario dunha entidade líder na construción de barcos a nivel mundial, un acto no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A conmemoración desta efeméride comezou co discurso de Manuel Rodríguez, presidente e fundador no ano 1974 do Grupo Rodman. Unha rolda de discursos da que tomou parte, ademais do dirixente provincial e o presidente autonómico, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; e o delegado do goberno, Pedro Blanco. O acto completouse cunha visita ás instalacións da empresa e un percorrida pola exposición dunha mostra das embarcacións construídas por esta empresa que dispón ocupa unha superficie industrial de 162.000 metros cadrados entre as súas instalacións de Moaña e Vigo. “Cando Rodman naceu aló polo 74, a Deputación levaba funcionando 138 anos. Na metade daqueles setenta, había un país que estaba abrindo a xanela da liberdade e dos valores democráticos, tamén na economía. Tratábase de rachar o illamento histórico, coller o tren da competitividade, quitarlle o corsé á iniciativa privada e demostrar que España podía ser diferente, pero por ser excelente. E Rodman figura nesa historia de éxito”, recoñeceu o titular do executivo provincial sobre o nacemento da empresa naval máis antiga de España.
“Aquel Vigo, aquel Morrazo e aquela provincia demostraron que desde aquí se podía competir con garantías nun sector tan complexo tecnicamente como o naval. Como Rodman. Demostraron que se podía saír fóra e vencer a empresas doutros países. Como Rodman. E evidenciaron que con visión empresarial e raíces na terra podíase forxar un binomio imparable. Como Rodman. Se reparamos en todo iso, cando se fala ben desta empresa, estase a falar ben de toda unha provincia. A marca Rías Baixas, como a marca Galicia ou a de España, é moito máis que paisaxe, ocio ou gastronomía: tamén é un xeito de facer e traballar que funciona. Para mostra, estes 50 anos de traxectoria”, subliñou Luis López.
Un modelo de éxito nun sector fundamental para a provincia como é o sector naval que conta co apoio dun organismo coma a Deputación, que pon as súas limitadas competencias en industria e os máximos recursos en desenvolvemento empresarial e emprego ao servizo deste motor económico da provincia. “Estamos ao carón do gran escaparate do naval”, afirmou López poñendo citando medidas como o incremento dun 7 % das axudas á promoción do emprego ou a creación de novas liñas para a formación laboral. “Grazas Manuel, grazas a todos por axudar a facer unha provincia extraordinaria. A por outros cincuenta”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.