Luis López adianta ao alcalde de Mondariz o compromiso da Deputación de axilizar e executar 2,5 millóns de euros en investimentos estratéxicas para o municipio
O presidente provincial e o novo rexedor, Pablo Barcia, manteñen un primeiro encontro de traballo desde a súa recente toma de posesión como alcalde co obxectivo de poñer as necesidades do concello no centro da axenda de cooperación entre as dúas institucións
03/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao novo alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, o compromiso da Deputación para axilizar e executar investimentos por valor de aproximadamente 2,5 millóns de euros en proxectos estratéxicos para o municipio, entre os que se atopan a reforma da estrada provincial EP-4306 entre as localidades de Sabaxáns e Cernadela, cun cambio de proxecto que acolla as necesidades reais dos veciños; a mellora da seguridade viaria na senda peonil a Fozara; ou acelerar a reparación da ponte sobre o río Tea. Nun encontro no que estiveron presentes as deputadas de Infraestruturas e Cooperación Local, Isabel Couselo e María Ramallo; o mandatario provincial deu os parabéns ao novo rexedor despois da súa toma de posesión como alcalde e, xuntos, acordaron poñer as necesidades do municipio no centro da axenda das dúas institucións.
Un dos principais asuntos tratados neste encontro foi a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4306, nun treito de 2,7 quilómetros entre as localidades de Cernadela e Sabaxáns. Unha intervención para a que xa existía un proxecto redactado desde o 2018, pero que ambas as partes acordaron mellorar para recoller as “demandas e necesidades reais dos veciños”, sinalaron os dous dirixentes. O proxecto, valorado en preto de 1,5 millóns de euros, conta co compromiso do goberno provincial para ofrecer a máxima colaboración e os fondos necesarios para a súa execución.
Outro dos temas tratados durante a reunión ten que ver coa senda peonil para mellorar a seguridade viaria na EP-4401 entre Mondariz Balneario e Fozara, nun treito de arredor dun quilómetro de lonxitude e valorado en arredor de medio millón de euros. Neste punto, presidente e alcalde acordaron actualizar o proxecto existente co obxectivo de comezar as obras a finais do vindeiro ano 2025, aínda que para executalo é preciso lograr as cesións dos terreos necesarios por parte dos propietarios para realizar a obra. Valorada tamén en 0,5 millóns de euros está a reparación da ponte sobre o río Tea nesta mesma estrada provincial EP-4401, unha actuación que ambos os mandatarios comprometéronse a facer realidade “o máis axiña posible”.
A recepción do alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, no despacho presidencial do Pazo provincial por parte do presidente Luis López e das deputadas Couselo e Ramallo enmárcase na filosofía do goberno da Deputación de atender as demandas de todos os concellos. Así, só uns días despois da súa toma de posesión, Luis López recibe a Pablo Barcia para coñecer as necesidades da veciñanza e tender a man da Deputación para prestarlle a máxima colaboración.