Luis López reivindica a necesidade de que a provincia teña infraestruturas á altura do seu papel referente no Arco Atlántico no encontro das Cámaras de Comercio en Vigo
O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, os plans de investimento provinciais que mobilizan 125 millóns de euros para dinamizar a economía, as infraestruturas ou o turismo nos 61 concellos das Rías Baixas
07/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso á economía da provincia que a Deputación está a realizar a través dos distintos plans de investimentos e programas estratéxicos que ten en marcha para este ano 2025 que supoñen unha inxección de máis de 125 millóns de euros nos 61 concellos que integran as Rías Baixas e reivindica o dereito do municipalismo pontevedrés a participar en debates estratéxicos para o territorio. “Urximos que se cumpran os prazos do AVE Vigo – Porto con transparencia, necesitamos un Corredor Atlántico que dea cobertura a un Porto de Vigo que ten que ser nodal, pedimos xestionar desde a proximidade a Autoestrada do Atlántico e protestamos cando a Mesa do Congreso dos Deputados bloquea 20 veces o debate da transferencia a Galicia, solicitada por unanimidade”, afirmou o presidente López na cuarta edición da conferencia do Arco Atlántico das Cámaras de Comercio
O mandatario provincial participou no Pazo Los Escudos de Vigo na apertura da cuarta edición deste ciclo de conferencias do Arco Atlántico promovido polas cámaras de comercio da rexión atlántica. Unha sesión na que o dirixente provincial puxo en valor a forza do municipalismo como “a célula que sostén, alimenta e impulsa todo o que aquí se aborda” nun debate que xirou arredor de cuestións decisivas para a rexión atlántica como as infraestruturas, as novas enerxías ou o territorio. Acompañado pola vicepresidenta Luísa Sánchez, o presidente Luis López tomou parte do acto inaugural que precedeu á quenda de mesas redondas sobre a Macrorrexión do Arco Atlántico e outras dúas sobre Infraestruturas de transporte e novas enerxías, así como unha ponencia sobre o Camiño de Santiago como elemento vertebrador do territorio.
Na clausura do acto, a representación da Deputación correu a cargo da vicepresidenta Luisa Sánchez. “O Arco Atlántico é un territorio moi próspero cunha marxe de actuación para garantir o seu desenvolvemento económico e a súa posición líder no conxunto europeo e internacional. Por iso, ademais de liderados e proxectos comúns, necesitamos tamén infraestruturas para asegurar ese intercambio”, afirmou a vicepresidenta. Un discurso no que tamén recoñeceu o labor das cámaras de comercio, apelou á importancia da cooperación e defendeu a posición estratéxica da provincia nun mundo global: “Estamos situados nun enclave particularmente valioso, pois somos unha vía de entrada a mercados moi importantes e ademais podemos beneficiarnos enormemente da cooperación entre os nosos territorios”.
No seu discurso, o presidente da Deputación fixo fincapé nas escasas competencias que os entes provinciais teñen nas materias tratadas nesta conferencias, pero aínda así puxo en valor os programas que a Deputación de Pontevedra ten en marcha para darlle impulso. “Inxectar o maior número de recursos da historia ao financiamento municipal non é vertebrar unha provincia clave no Arco Atlántico?, velar por unha das redes de infraestruturas máis densa de Galicia, como son os 1.600 km da nosa rede de estradas provincial, non é contribuír a intermodalidade de transporte?, promover as comunidades enerxéticas locais, financiar proxectos de eficiencia nos municipios, sufragar humanizacións, entregar equipos informáticos ou alfabetizar en novas tecnoloxías; non é ir na dirección do futuro? E contribuír a liderar o turismo desestacionalizado en Galicia, acoller o Camiño de Santiago con maior crecemento internacional, recuperar un antigo teatro, O Fraga, ou atraer eventos deportivos de carácter global non é poñer no mapa o Arco Atlántico?”, defendeu Luis López, convencido de que “a Deputación e a provincia de Pontevedra si achegan moito ao futuro”. Finalmente tamén dedicou parte do seu tempo o mandatario provincial a poñer en valor o labor a prol do sector empresarial e do conxunto da provincia que está a facer o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Jose García, e todo o seu equipo.