Luis López participa en Fitur nunha degustación de té de camelia, unha infusión elaborada a partir dos brotes e follas destas plantas que medran nos xardíns da provincia
O presidente provincial coñeceu, acompañado por membros do Goberno da Deputación e profesionais do sector turístico, os beneficios dun produto ecolóxico 100 % Rías Baixas
25/01/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compartiu este xoves unha degustación de té de camelia, unha bebida que se produce a partir das camelias que medran en xardíns da provincia pontevedresa, no posto que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra esta semana en Madrid. Ao acto asistiron deputados do Goberno provincial, así como representantes do sector turístico e público xeral que, ademais de probar esta infusión 100 % Rías Baixas, recibiron explicacións dos beneficios e sobre a elaboración desta infusión.
Por outro lado, a Deputación ten a súa propia marca de té ecolóxico, Té Areeiro, coa que busca converterse nunha referencia na produción dun té de calidade elaborado na provincia con produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas da variedade de Camellia sinensis, que se cultiva nos xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Unha iniciativa que supón, ademais, un paso adiante cara á diversificación e promoción do rural da provincia.
En 2023 os xardíns de Areeiro acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e desde esta institución púxose marcha o Plan estratéxico do té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións se atopa o rexistro da marca “Té Areeiro”.