Luis López augura, na inauguración da Festa da Arribada, un ano 2024 prometedor para o turismo na provincia no que Baiona “brillará con luz propia”

O presidente provincial participou este venres no acto inaugural da Festa da Arribada, que tivo lugar no salón medieval do Parador Conde de Gondomar

01/03/2024

Luis Lopez na inauguracion da Festa da Arribada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, augurou un ano 2024 prometedor para o turismo na provincia de Pontevedra. Fíxoo na inauguración da XVIII edición da Festa da Arribada da Carabela Pinta a Baiona, vila que “brillará con luz propia cunha festa que se supera cada ano, co papel central que ten Baiona dentro do destino Rías Baixas e con acontecementos coma o que viviremos en agosto cando a esta vila arribe un dos eventos deportivos máis importantes do calendario, a Vuelta a España de ciclismo”, explicou o mandatario provincial durante a súa intervención no salón medieval do Parador Conde de Gondomar, no que se subiu o pano dunha nova edición desta festa de interese turístico internacional.

O presidente sinalou que a Arribada é un feito histórico que mudou para sempre o papel de Baiona e da provincia na historia. “Grazas a esa Arribada, Baiona é, e será por sempre, o quilómetro cero dunha historia colectiva na que aínda hoxe todos somos protagonistas”. A chegada da carabela capitaneada por Martín Alonso Pinzón supuxo unha revolución que chega ata os nosos días. “Un mundo que deixa de vivir de costas ao Atlántico para tender pontes con América, que os galegos mantemos aínda moi fortes. Un mundo que comeza a atopar na mestura de acentos, no comercio exterior e no intercambio de culturas unha vía rápida cara ao progreso”, reflexionou o presidente provincial.

Coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e dos rexedores dos municipios colombinos de Santa Fe de la Vega e Palos de la Frontera, Juan Cobo e Carmelo Romero, o presidente da Deputación referiuse ao carácter hospitalario que define a veciñanza da provincia. “Para os que somos de aquí, nada nos enche mais que pertencer a este lugar, pero compartilo cos demais é unha experiencia 100 % Rías Baixas”, confesou López.

Neste sentido, o titular do goberno da Deputación defendeu que As Rías Baixas exportan un estilo de vida que namora. “Temos unha forma de vida orgullosa, aberta e con moita personalidade, que se ve referendada, ano tras ano polas cifras das persoas que queren vir coñecela. O ano 2023 foi rompedor para o turismo, pero todos os indicadores sinalan que 2024 será aínda mellor”, rematou Luis López recordando que a provincia de Pontevedra é, segundo os usuarios de Booking, “o destino favorito para vir de vacacións”.

“Baiona coñeceu hai 531 anos a noticia dun descubrimento. Estes días abre as súas portas para que nós descubramos este recuncho impresionante das Rías Baixas. Ambas as cousas merecen ser celebradas”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes