Luis López asina co alcalde de Lalín, José Crespo, o traspaso de terreos en desuso da Finca Mouriscade para ampliar a área recreativa e promover actividades agrogandeiras
O acordo pon fin a un proceso burocrático iniciado no 2022 para transferir ao Concello a titularidade dunhas parcelas valoradas en 1,3 millóns e que suman 116.000 metros cadrados nas que se executará o proxecto municipal Espazo Mouriscade
01/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este xoves ante notario co alcalde de Lalín, José Crespo, o acordo polo que o ente provincial transfire á administración municipal a titularidade das parcelas resultantes do proxecto de segregación da Finca Mouriscade. Pasa a mans do Concello unha extensión de terreo de 116.000 metros cadrados, valorados nun total de 1,3 millóns de euros, e nos que se atopan edificacións en desuso como o antigo laboratorio, a casona e edificacións auxiliares, así como a zona do albergue, do club hípico e de Aspadeza
Coa sinatura deste contrato remata un proceso burocrático que comezou no ano 2022 coa aprobación do expediente de segregación da Finca Mouriscade e a transmisión da titularidade a favor do Concello de Lalín das parcelas resultantes. O convenio entre a Deputación e o Concello asinouse en xaneiro de 2023 co obxectivo de destinar este terreo á execución do proxecto Espazo Mouriscade, co que o goberno local pretende ampliar as instalacións da área recreativa da contorna do río Asneiro, así como poñer en valor as instalacións actualmente en desuso para destinalas a ao sector agrogandeiro.
En concreto, os terreos transferidos ao Concello de Lalín por parte da Deputación compoñen un conxunto formado por tres áreas cunha extensión total de 116.000 metros cadrados. A máis pequena, cunha superficie de 723 metros cadrados será incorporada á estrada municipal para ampliar a súa anchura ata os oito metros. A máis grande, denominada eixo 1, conta cunha extensión de 65.260 metros cadrados repartidas en cinco parcelas e nelas atópanse o albergue, o espazo xuvenil Vicente Agulló e o Club Hípico Juan Oliveira. Un espazo que servirá para ampliar a área recreativa da contorna do río Asneiro. A outra finca transferida, o eixo 2, ten unha extensión de 50.350 metros cadrados repartidas en dúas parcelas, e conta con edificacións en desuso como o antigo laboratorio, o almacén, a casona e a granxa de perdices. Unha zona que está previsto destinar a actividades relacionadas coa agricultura e a gandería.
A transferencia da titularidade destas parcelas, segundo sinalou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, supón unha nova mostra da vontade do goberno provincial de cooperar con todas as administracións para poder levar a cabo proxectos estratéxicos que melloren a calidade de vida e potencien a economía, neste caso, de concellos como o de Lalín e do conxunto da comarca do Deza. Ademais, a execución do proxecto municipal Espazo Mouriscade, permitirá sumar sinerxías coa actividade que se seguirá realizando na Finca, unha referencia na investigación e cría de vacas.
.