Luis López anuncia unha suba do 40%, ata os 350.000€, das axudas a confrarías de pescadores para o ano 2025, unha nova mostra do apoio da Deputación ao sector do mar

O presidente provincial adianta este acordo nun encontro coa Federación Provincial de Confrarías para asinar convenio de colaboración para a prevención de riscos laborais

22/10/2024

Luis López en Soutomaior

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este martes nun encontro con membros da Federación provincial de Confrarías de Pescadores unha suba do 40%, ata os 350.000 euros, do importe da liña de subvencións que convocará o organismo provincial o vindeiro ano 2025 para as confrarías da provincia. Unha nova mostra de apoio do goberno provincial ao sector do marisqueo e da pesca artesanal, moi afectado polo aumento dos gastos, os recorrentes episodios de toxina ou os efectos dos temporais; que xa contou este ano por primeira vez coa posibilidade de destinar unha parte dos 250.000 euros das axudas postas a súa disposición por parte da Deputación a sufragar gasto corrente. "Na Deputación seguiredes a ter un apoio sólido para capear os temporais que poidan vir", comprometeu o mandatario provincial.

O presidente López visitou a sede que a Federación ten en Arcade, en Soutomaior, acompañado polo deputado provincial de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, para asinar un convenio de colaboración valorado en 12.000 euros para avanzar na prevención de riscos laborais aos que están expostos os traballadores deste sector. Unha reunión de traballo, a terceira en pouco máis dun ano de mandato, na que o titular do goberno provincial puxo en valor o importante apoio que a Deputación está a prestar a este sector fundamental para o desenvolvemento económico da provincia. Así mesmo, Luis López amosouse aberto a seguir escoitando as demandas das confrarías para, na medida do posible, incluílas nas bases da liña de axudas do vindeiro ano.

A Deputación amosa así o seu compromiso de seguir prestando unha "colaboración útil" que demostra "a sensibilidade deste goberno co sector do mar e que da boa conta de que estamos en conversas constantes co tecido asociativo e empresarial da provincia", sinalou Luis López, consciente das dificultades que atravesan as confrarías.

"O sector do mar é un motor económico e de emprego, así como unha garantía de respecto polo medio ambiente", concluíu Luis López garantindo a máxima colaboración da Deputación cun sector estratéxico para a provincia.

Galerias de imaxes