A Deputación lanza o Plan de Acción da Axenda Urbana para unha provincia máis sostible, resiliente, inclusiva e segura

É a primeira Deputación de Galicia que pon en marcha o proceso para definir, coa participación da cidadanía e dos concellos, o modelo de provincia de aquí a 2030

18/04/2023

LANZAMENTO PLAN ACCIÓN AXENDA URBANA

A Deputación de Pontevedra convértese na primeira institución provincial de Galicia en poñer en marcha o Plan de Acción da Axenda Urbana, que deseñará da man da cidadanía e dos concellos o modelo de provincia de aquí a 2030. A Deputación asinou xa no pasado setembro o protocolo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xunto a outras 9 deputacións do Estado. Agora, co lanzamento do Plan e cunha diagnose positiva de aliñamento dos seus plans, programas e liñas de actuación coa Axenda Urbana Española, a institución provincial iniciará en maio as primeiras accións para o desenvolvemento do proceso co grande obxectivo de conseguir unha provincia máis resiliente, sostible, inclusiva e segura.

Na reunión hoxe da Comisión Interdepartamental da Axenda Urbana, integrada polas áreas competentes da Deputación, a presidenta Carmela Silva explicou que este Plan de Acción permitirá “deseñar o futuro da provincia, co obxectivo de transformar, e sinalará as liñas nas que centrarse, tendo un amplo impacto nas diferentes áreas y servizos”. Desta maneira, lembrou que este é un proceso que xa comezou no ano 2021 cunha diagnose territorial na que se analizaron os plans, programas e principais liñas de acción da institución provincial para identificar as súas fortalezas nos 10 obxectivos que marca a Axenda Urbana Española, o que levou a identificar os 5 nos que máis impacto ten o traballo da Deputación: evitar a dispersión e revitalizar cidades e vilas, loita contra o cambio climático, xestión sostible dos recursos e economía circular, innovación dixital e gobernanza.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera destacou que aínda que as actuacións amparadas polo Plan de Acción realmente poderían realizarse sen un instrumento tan abstracto, hai experiencias moi positivas e que permiten acadar financiamento europeo, polo que definiu o método como “un reto”. Salientou, de feito, que a reunión de hoxe co equipo técnico da Deputación que executará a Axenda Urbana supón un empuxe ao traballo do persoal funcionario, que asesorará aos concellos manexando toda a información e a terminoloxía europea adaptándoa á realidade da provincia.

Os seguintes pasos no deseño do Plan de Acción

Carmela Silva explicou que, tras rematar esa diagnose da provincia é o momento de continuar avanzando cos próximos pasos definidos pola Axenda Urbana Española. O primeiro é a formulación estratéxica, que permitirá validar a diagnose previamente elaborada e definir retos, así como identificar as propostas de necesidades e expectativas da provincia ata 2030 a través “dun proceso participativo, tanto da cidadanía e dos diferentes colectivos, asociacións e institucións como dos concellos, co fin último de ter unha folla de ruta clara”.

A segunda fase consistirá no desenvolvemento do marco estratéxico, que comprende a definición do alcance do Plan de Acción, así como “a validación do que se ten xerado nese traballo conxunto”, co fin de priorizar obxectivos, liñas de actuación e accións, que incluirá ao remate un segundo proceso participativo da cidadanía. Por último, chegará o momento de elaborar o propio Plan de Acción, no que xa se incluirán as accións operativas anuais a desenvolver , así como as liñas de seguimento de indicadores, que permitirán mostrar os avances en todo o que estea establecido no documento.

Todo o proceso estará apoiado por un Plan de Comunicación co obxectivo de sensibilizar e implicar a entidades, axentes socioeconómicos e a cidadanía en xeral. Entre os seus fitos inclúense o acto de lanzamento de hoxe, a posta en marcha dunha páxina web (https://www.depo.gal/es/axenda-2030/axenda-urbana-e-rural) que xa está en funcionamento, campañas de comunicación en redes sociais, vídeos promocións, a presentación pública do Plan de Acción e a difusión das actividades que se poñan en marcha.

Galerias de imaxes

videos