A Deputación entrega este venres os Premios Provinciais á Xuventude
A gala, á que asistirá o presidente Luis López, celebrarase, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial. Estará conducida pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical da gañadora do premio ao mellor traballo musical de 2021, Ainhoa Mosquera
15/11/2023
A Deputación de Pontevedra celebra este venres, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo provincial a gala de entrega dos Premios Provinciais á Xuventude. Durante o evento daranse a coñecer os traballos gañadores nas nove categorías das que se compoñen e que supoñen un reparto de ata 36.000 euros entre as mellores iniciativas dos 77 traballos presentados. Ao evento acudirán o presidente da Deputación, Luis López, e mais o deputado de Xuventude, Jorge Cubela. Estará conducido pola xornalista Patricia Bea e contará coa actuación musical de Ainhoa Mosquera, gañadora dos Premios Provinciais á Xuventude na categoría de traballo musical en 2021.
A través destes galardóns, a institución provincial busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude mozas e mozos de entre 16 e 35 anos e, no caso do premio Reacción polo Clima, centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos.
En total presentáronse 77 traballos que foron avaliados por cadanseu xurado nas distintas categorías. Deles, 22 foron traballos literarios breves, 21 fotografías orixinais, 17 proxectos de investigación, 6 foron candidaturas á categoría de banda deseñada, 4 á de traballo musical, 3 traballos na de educación en valores; 2 propostas en deseño e moda e unha nas categorías de contido audiovisual e o premio Reacción polo Clima, de denuncia do cambio climático.
As mozas e mozos gañadores, ademais da contía económica, recibirán uns galardóns de cerámica elaborados polas usuarias e usuarios da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra. Esta entidade emprega as instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe grazas á colaboración da Deputación co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para o desenvolvemento dun curso de olaría e cerámica.
O Goberno da Deputación daralle un impulso á xuventude durante o mandato
A aposta pola xuventude do mandato de Luis López materialízase coa creación dun novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico, que contará en 2024 cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Entre as iniciativas que liderará enmárcanse, ademais dos Premios Provinciais á Xuventude, unha nova batería de axudas, dotadas de 230.000 euros, para o impulso de actividades xuvenís, para investimentos relacionados coa mocidade e para os centros educativos.