O departamento de Lingua da Deputación levará a mostra ‘Nasín cando as prantas nasen’ sobre o herbario de Rosalía a seis comarcas da provincia ata final de ano
A exposición, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, ábrese este xoves en Ponte Caldelas, e seguirá por Agolada, Ponteareas, O Rosal, Redondela, Ribadumia, As Neves, Moaña e Tomiño
16/05/2023
O Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, dentro da súa programación anual sobre Rosalía de Castro, levará a mostra ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía, con imaxes de plantas e flores moi vencelladas á obra da autora, a seis comarcas da provincia ata final de ano.
A mostra–realizada da man da Fundación Rosalía de Castro- estivo xa aberta no mes de abril no Pazo Provincial e agora seguirá nas comarcas de Pontevedra (en Pontecaldelas dende o xoves ata o 28 de maio, na sala de exposicións do Centro Cultural), o Deza (Agolada, do 28 de maio ao 11 de xuño, nos Pendellos), Condado (Ponteareas do 13 ao 25 de xuño –Auditorio- e As Neves do 30 de outubro ao 12 de novembro –Casa da Xuventude-), Baixo Miño (O Rosal do 18 de setembro ao 1 de outubro e Tomiño –Mercado- do 27 de novembro ao 10 de decembro), Vigo (Redondela do 2 ao 15 de outubro), Salnés (Ribadumia do 16 ao 29 de outubro) e Morrazo (Moaña do 13 ao 26 de novembro).
Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, Rosalía é a autora “máis destacada e máis universal da cultura galega, un símbolo nacional de Galiza”, polo que a Deputación quere poñer en valor a vixencia do seu ser e pensamento e a súa reivindicación da lingua propia artellando actividades sobre a súa figura ao longo do ano.
A exposición pretende –apunta a deputada- ser un herbario literario (non científico) “que busca aproximarse ao que podería facer a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra”. Xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, e consta de cinco seccións con 40 imaxes (8 cada unha) que falan de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”.
Tamén dispón dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos, para o que se dispón dun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila, que traballou no proxecto xunto a María López-Sandez nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.
Na obra de Rosalía, coma no conxunto da tradición occidental, a rosa é a “raíña das flores” e este lugar de privilexio xustifica que o herbario lle consagre unha das súas seccións máis notables. Ocupan ademais un lugar relevante as flores humildes e ventureiras, de acordo coa sensibilidade especial de Rosalía cara ao aparentemente humilde: de aí as series “herbas do campo florido” e “herbiñas do camposanto”.
As que conforman a primeira sección son aquelas que, xa nos tempos de Rosalía, se atopaban nos eidos do país: o sete na rama, a muruxa e a herba da pedra, os corniños e a herba paxareira, a arenaria e a herba dona, a cabaciña ou a herba das doas, entre outras. Recóllense tamén a agulleira e a buglosa, evocadoras do ‘fúnebre recinto’, a celidonia e o hipérico, que ilustran esas floreciñas amarelas que nacen “en tumbas que non teñen nin lápida” ou herbas que medran tamén nos camiños, nas paredes e nos propios campos, mais que se revisten dun especial significado e solemnidade cando o fan no camposanto.
Entre as especies máis recorrentes nas escrituras de Rosalía sobrancean as árbores, particularmente o carballo. Así pois, aí están, constituíndo unha sección de pleno dereito no herbario, o carballo e o piñeiro, o álamo e a sobreira, o castiñeiro, o salgueiro, o ciprés e o loureiro. Non poden quedar atrás, dentro da diversidade na obra de Rosalía, os toxos e as silveiras, as ortigas e os cardos, as margaridas, o caravel e o alelí, pero tamén as árbores froiteiras como a figueira, os limoeiros ou as oliveiras, así como tamén arbustos coma os buxos, e por outra parte, verzas e repolos, viñas e cereais, que tamén teñen a súa representación.