A Deputación axudará os concellos a calcular as taxas do servizo de recollida e tratamento de residuos comerciais

Destinaranse 362.000 euros e faranse 3.500 visitas nos concellos de menos de 50.000 habitantes no marco dunha asistencia técnica para a realización dun estudo de caracterización e modelización das taxas de residuos comerciais

08/08/2025

Rafa Domínguez Conferencia de prensa

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, deu conta este venres da aprobación da contratación dun servizo de asistencia técnica para a realización dun estudo de caracterización e modelización das taxas de residuos comerciais nos concellos de menos de 50.00 habitantes da provincia. Rafa Domínguez sinalou que grazas a este estudo "os concellos poderán calcular o custo real do servizo de recollida e tratamento destes residuos, baseándose na produción e categorización destas actividades de acordo coa súa tipoloxía e nivel de xeración de residuos".

O obxectivo deste servizo é, con eses datos, "garantir que os cálculos das taxas comerciais se realicen de acordo cos principios de equidade, sostibilidade e eficiencia", sinalou Domínguez. Para iso, realizaranse un total de 3.500 visitas a estes concellos, que serán claves para "desenvolver modelos estatísticos que permitan estimar de maneira máis precisa a xeración de residuos por actividade" para, deste modo, "establecer unha taxa axustada, representativa e fundamentada en datos sólidos".

O vicepresidente da Deputación destacou que "levamos anos asistindo tecnicamente os concellos para que poidan facer fronte ás cada vez maiores esixencias lexislativas en materia de xestión dos residuos, e esta será unha nova ferramenta que lles permitirá cumprir a normativa".

videos

audios