A Deputación lanza a 8ª edición de Erasmus Plus con 65 novas prazas para que o alumando e o profesorado de FP se forme en Europa
A Administración provincial tamén completa con 100.000€ outras 100 bolsas da UVigo para que o seu alumnado realice estadías no estranxeiro
24/09/2022
A Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde á mobilización de case 900.000 euros para facer posible que o alumnado de Formación Profesional da provincia e dos campus universitarios de Vigo e Pontevedra poidan completar a súa formación académica con estadías no estranxeiro, fundamentalmente na Unión Europea. Por unha banda, lanza a oitava edición do proxectos Erasmus+ da Deputación e, por outra, asina un convenio coa Universidade de Vigo para completar o financiamento das súas bolsas.
En primeiro lugar, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto Erasmus+ co obxectivo de completar a formación académica dos/as graduados/as de Formación Profesional con prácticas en empresas e institucións europeas. O programa está dotado con 796.865 euros gracias á axuda de 599.765 euros xestionada diante do Servizo Español para a Interancionalización da Educación (SEPIE) do Ministerio de Universidades. A Deputación achega 197.100 euros de fondos propios.
O programa da Deputación está dirixido a persoas que veñan de titularse en ciclos medios de FP e FP básica, así como en cursos para a obtención do Certificado de Profesionalidade dos niveis I, II e III pertencentes ás distintas familias profesionais. O obxectivo é que obteñan experiencia e melloren o seu perfil profesional, facilitando así a transición cara o mercado laboral a través de prácticas en empresas ou institucións do ámbito xeográfico comunitario. Poderán, gracias a esta iniciativa provincial, desenvolver estadías de 6 meses en Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía ou calquera outro país adherido ao programa europeo Erasmus+.
Están previstas 60 mobilidades longas para os estudantes de Formación Profesional e outras 5 mobilidades para profesorado e persoal non docente que traballe no ámbito da educación en FP. Un total de 38 centros educativos da provincia, pertencentes a 23 concellos, forman parte do consorcio de mobilidade que habilita para a participación. Os centros ofrecerán aos seus estudantes e persoal a posibilidade de participar. Rematada a selección, a Deputación, como entidade coordinadora do consorcio, ocuparase da busca de empresas de acollida, tramitación das bolsas, contratación do seguro e atención ás persoas participantes.
A Deputación, recoñecida en 2021 pola calidade na xestión do programa
O pasado ano a Deputación recibiu a “Acreditación Erasmus” por parte da Unión Europea, recoñecendo a calidade na xestión e facilitando, deste xeito, a continuidade do programa provincial ata o ano 2027. A Deputación foi unha das 370 entidades europeas en ver recoñecida a súa traxectoria, cunha puntuación de 83 puntos sobre 100 na auditoría realizada. Só 25 entidades locais públicas lograron este selo.
A Deputación de Pontevedra financia as prácticas no estranxeiro para alumnado de FP e universitario da provincia dende o cambio no Goberno provincial. Dende entón máis dun milleiro de estudantes de toda a provincia beneficiáronse da iniciativa, que supuxo xa un investimento acumulado nestes anos de preto de 6 millóns de euros.
Novo convenio coa UVigo
Por outra banda, a Xunta de Goberno provincial aprobou tamén un novo convenio coa Universidade de Vigo para que o alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra realice prácticas no estranxeiro. A Deputación achega 100.000 euros para aumentar a financiación de 100 bolsas, cada unha delas dotada con 1.000 euros. Un total de 80 destas axudas súmanse ás do programa Erasmus+ que xestiona a Uvigo para realizar estadías en países da Unión Europea e outras 20 reforzarán o programa propio da Universidade para facelas noutros países de ámbito extracomunitario.