A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca o compromiso da Deputación pola cultura na entrega de premios do certame “Vigo Histórico”
03/10/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe na Sede de Vigo na entrega de premios do Certame de relatos “Vigo Histórico”, que organiza a Editorial Elvira e que este ano chegou á súa undécima edición “traballando para que esta cidade conte cun importante legado literario que, ademais, axuda a posicionar e visibilizar o talento cultural da nosa cidadanía”. Sánchez felicitou aos gañadores deste ano, aos autores que formarán parte da colección “Relatos na rúa” e aos máis de 200 aspirantes que presentaron os seus traballos ao premio.
A vicepresidenta provincial aproveitou, ademais, a ocasión para amosar o compromiso da Deputación coa cultura destacando que “impulsar a cultura e o talento creativo que hai nesta provincia é prioritario”, e lembrou iniciativas postas en marcha polo goberno provincial como os premios “Mulleres no foco”, o encontro “Pontevedra literaria” ou os “Premios Provinciais á Xuventude”, entre outras.