A Deputación celebra en Baiona o Día da Hispanidade reivindicando os lazos de unión entre Europa e América

A vicepresidenta Luisa Sánchez enxalzou, no marco do acto organizado pola institución provincial e o Concello de Baiona nesta vila, “todo o que fomos capaces de construír xuntos nestes cinco séculos: un planeta máis unido, integrador, humano e respectuoso”

12/10/2024

Día da Hispanidade 2024

A Deputación de Pontevedra celebrou o Día da Hispanidade en Baiona reivindicando os lazos de unión entre Europa e América. A vicepresidenta Luisa Sánchez, encargada de pronunciar o discurso institucional no marco do acto que organizan conxuntamente desde fai máis de 20 anos o organismo provincial e o Concello de Baiona para celebrar esta efeméride, reivindicou “todo o que fomos capaces de construír xuntos nestes cinco séculos: un planeta máis unido, integrador, humano,  e respectuoso”.

“Hoxe celebramos que o Atlántico, lonxe de separarnos, é o gran nexo que nos une”, subliñou Sánchez quen volveu a vista a aquel 12 de outubro de 1492, data na que “dous continentes se encontraron e foron capaces de xerar, ao longo dos séculos, fortes lazos de unión, de solidariedade, de irmandade, que aínda hoxe se manteñen con vida”. “Aquel día –engadiu a vicepresidenta- forxouse a sociedade na que hoxe vivimos, diversa e multicultural” e xerouse “unha ponte, inapreciable a simple vista, pero real entre ambos continentes, entre América e Europa”. Neste eido, Sánchez apelou a “manter firme” esta ponte reivindicando “a nosa historia, a comprensión mutua e o traballo realizado na procura da interese común e camiñando para construír un mundo con maior futuro, máis integrador, humano e xusto”.

A vicepresidenta provincial incidiu en que “hoxe é un día no que celebramos a concordia, o que une a estas dúas terras tan diferentes e iguais como son América e Europa” e amosou o seu convencemento de que “estes centos de anos que pasaron desde 1492 serán soamente o inicio doutros moitos, cheos de prosperidade, que nos quedan por seguir compartindo xuntos”.

Nesta mesma liña insistiu o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, quen afirmou que “debemos e queremos recordar que o 12 de outubro é un día de unión e conciliación entre pobos e entre persoas”.  Almuiña asegurou que “o mundo está cada vez máis dividido e fragmentado e Baiona é un exemplo de encontro entre culturas e entre xentes de ambos os dous continentes; Baiona quere humildemente representar ese lazo de unión entre Europa e  Hispanoamérica”. Neste eido, subliñou que “queremos promover unha Festa da Hispanidade que nos reconcilie cos nosos irmáns, esquecéndonos dos desencontros entre dous grandes continentes, e que nos permita exaltar os valores de convivencia, de respecto ás identidades culturais, de compromiso firme na defensa do progreso, do benestar e da paz”.

Galerias de imaxes