Luis López confirma que a provincia de Pontevedra recibiu este verán un 25% máis de turistas estranxeiros que en 2023
Luis López: “Este dato revalida que o esforzo levado a cabo en canto a promoción internacional da provincia está dando xa os seus froitos”
27/09/2024
Con motivo do Día Internacional do Turismo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, debullou en conferencia de prensa algúns dos datos turísticos relativos aos meses de xuño, xullo e agosto. Trátase de información facilitada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que reflicte que a provincia de Pontevedra recibiu neste verán un 25% máis de turistas estranxeiros que no mesmo período de 2023. “Un dato que, sen dúbida algunha, revalida que o esforzo levado a cabo en canto á promoción internacional da provincia está dando xa os seus froitos”, remarcou Luis López. En total, foron máis de 200.000 os visitantes chegados de fóra do territorio nacional, sendo Portugal, Francia e Alemaña os principais países emisores.
O presidente provincial tamén detallou que se incrementaron os visitantes na provincia case un 11% con respecto ao pasado ano, rexistrando en total preto de 700.000 persoas. De feito, só en agosto foron preto de 300.000 os visitantes, un 12% máis que no mesmo mes de 2023. “Imos polo bo camiño, estes resultados demostran que a nosa estratexia turística é a axeitada – asegurou-. E estes resultados tamén nos animan a seguir, nesta dirección, sen deixar de lado o noso compromiso coa sustentabilidade e apostando pola desestacionalizacion e a internacionalización”.
Por outra banda, López remarcou que os datos do INE tamén reflicten un incremento do 4% na ocupación hoteleira deste verán con respecto á mesma temporada do 2023. “Lideramos desta maneira o ranking de ocupación hoteleira, ao situarnos por diante de destinos como a Costa da Morte, as Rías Altas e a Mariña Lucense”, explicou López.