A Deputación inicia a execución de cunetas transitables na estrada provincial Ramallosa-Parada en Nigrán
Os traballos derivados do Acordo Marco da Deputación para instalar estes elementos de seguridade nas zonas nas que resulta imposible gañar sobreanchos estanse a levar a cabo na zona sur da provincia e, trala EP-2106, continuarán na EP3002 Acceso a Malvas en Tui
29/04/2023
A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de instalación de cunetas transitables na EP2106 Ramallosa-Parada, no municipio de Nigrán, actuacións derivadas do Acordo Marco para dotar destes elementos de seguridade ás estradas da rede provincial naqueles puntos nos que resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas por dificultades técnicas. A través deste acordo dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) e nestes momentos estase actuar na zona sur, á que corresponde a citada estrada. Unha vez rematada a instalación das cunetas neste viario continuarase coa execución das seguintes na EP3002 Acceso a Malvas (Tui) e, posteriormente, en estradas provinciais do Porriño.
As actuacións adxudicadas na provincia na primeira fase deste Acordo Marco tiveron en conta as prioridades dos concellos e, deste xeito, vaise actuar nos vindeiros meses nun total de 77 estradas provinciais en medio cento de concellos, cun investimento de 1,9 millóns de euros. A instalación destas cunetas supón unha aposta pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras dos viarios provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impiden ampliar a plataforma.
No que se refire á zona sur da provincia, investiranse 595.972€ en 19 estradas provinciais que discorren amais de Nigrán e Tui, por Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda, Mos, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente. As obras que se realizarán consistirán na execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe dos viarios, execución de arquetas e recrecido de pozos. Na zona centro, o investimento ascende a 738.228€ e instalaranse cunetas en 38 estradas provinciais que transcorren por Barro, Caldas, Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Por outra banda, na zona norte executaranse estas melloras por 665.125€ en 20 estradas ao seu paso por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira.
As cunetas teñen anchos de entre un e dous metros e pola súa escasa pendente permiten camiñar por enriba delas con total normalidade polo que, na práctica, habilitan itinerarios peonís cómodos e seguros. Con estas actuacións, estanse substituíndo paulatinamente as vellas cunetas, moi profundas e ademais pouco funcionais pola súa tendencia a cegarse, por este tipo de elementos transitables, nos que a drenaxe lonxitudinal das estradas combínase coa habilitación dun espazo adicional para o paso de peóns e ciclistas. Cando é necesario tamén se instalan tubaxes de drenaxe debaixo destas estruturas para garantir a correcta absorción das augas pluviais.