A Deputación celebra por primeira vez a Copa 5x5 para sacar o balonmán á rúa e achegalo aos máis pequenos

A competición, organizada en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e o Concello de Pontevedra, terá lugar entre o 2 e o 7 de xullo na Praza de España de Pontevedra

26/06/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto coa vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez e o presidente da Federación, Bruno López

A Deputación de Pontevedra celebrará entre os días 2 e 7 de xullo a Copa 5x5 de balonmán na rúa, que chega este ano por primeira vez a cidade do Lérez para fomentar a difusión deste deporte entre os máis pequenos. Organizada en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e o Concello de Pontevedra, e co apoio dos clubs de balonmán da cidade, terá lugar na Praza de España da cidade do Lérez e nela participarán equipos mixtos das categorías alevín (rapaces e rapazas nacidos nos anos 2012 e 2013) e benxamín (2014-2015).

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto coa vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez e o presidente da Federación, Bruno López, presentaron hoxe no Pazo provincial a competición. “Será –sinalou Domínguez- un auténtico espectáculo deportivo co que sacaremos o balonmán dos polideportivos para achegalo a todos os públicos, á rúa”. Desta maneira, a primeira edición deste evento mestura “deporte, igualdade, cativos, inclusividade, rúa… polo que estamos falando de algo que encaixa perfectamente co ADN desta Deputación e co que queremos que sexa a provincia”. Por iso, Domínguez agradeceu á Federación e ao Concello a súa implicación na organización do evento, así como a colaboración do Cisne e do S.D. Teucro, os clubs de balonmán da cidade.

Ao longo dos cinco días que durará a Copa 5x5 Deputación de Pontevedra instalarase un estadio móbil de minibalonmán, no que se celebrarán os partidos, polas tardes, e no que se desenvolverán diferentes actividades de promoción polas mañás. Así, ademais da competición oficial, todos os nenos e nenas interesados poderán probar o balonmán e vivir a experiencia 5x5. “O obxectivo é promover este deporte entre os máis pequenos –asegurou Domínguez, acordándonos sempre de fomentar, promover e difundir a práctica deportiva”. Neste eido, o vicepresidente recordou o compromiso da institución provincial co balonmán, poñendo como exemplo a organización dos dous partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina no Porriño e Lalín, e animou a acudir a desfrutar desta Copa 5x5, “unha grandísima iniciativa para a cidade que agardemos se consolide para vindeiras edicións, porque vai ser un espectáculo para todos”.

Galerias de imaxes