Luis López sinala o papel clave da Deputación para lograr que o Concello de Pazos de Borbén firmara o convenio que permitirá mellorar o treito Amoedo-Os Valos da EP-2702
O presidente provincial firma o acordo co alcalde Luciano Otero para desbloquear un investimento de 960.000 euros para atender unha demanda veciñal histórica e mellorar a seguridade viaria da EP-2702 ampliando o seu ancho e creando beiravías
31/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a sinatura do convenio co alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, para a mellora da estrada provincial EP-2702 entre as localidades de Amoedo e Os Valos como un “día sinalado” no que o executivo provincial “atende unha vella reivindicación e unha necesidade urxente para a veciñanza de Pazos de Borbén, establece en Pazos de Borbén os estándares de calidade que implantamos nos máis de 1.600 quilómetros da rede viaria provincial e demostra que goberna para os 61 concellos da provincia sen diferencias pola cor política dos gobernos”.
O proxecto, valorado en 960.000 euros e financiado ao 100 % pola Deputación, ten o obxectivo de acabar cos problemas de seguridade viaria que arrastra unha estrada estreita e que soporta un tráfico denso e pesado. Para solucionar este problema, aumentarase o ancho da estrada e crearanse beiravías para promover a mobilidade peonil en condicións seguras. Do mesmo xeito, o proxecto contempla a mellora da sinalización vertical e horizontal, así como a renovación de todos os servizos e a reposición da capa de rodaxe.
O acordo entre as dúas institucións para a mellora deste viario que se plasmou este xoves no protocolario acto de sinatura do convenio na vestíbulo do Pazo provincial supón o paso definitivo para comezar a facer realidade un proxecto que desbloqueou, despois de numerosos atrancos, o goberno de Luis López. Neste sentido, o mandatario provincial destacou o labor da deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo. “As accións que melloran a rede viaria da provincia teñen un nome e é o da deputada Isabel Couselo, cuxo labor permite desbloquear situacións como estas”, agradeceu o dirixente, quen reafirmou tamén o compromiso do goberno provincial co mantemento das estradas ao aumentar en 8 millóns, ata os 24 millóns de euros, a partida destinada a Infraestruturas no Orzamento do ano 2025.
Pola súa banda, o rexedor Luciano Otero destacou que se trata dunha obra “moi necesaria, mentres que o presidente da Deputación puntualizou que “nos gustaríanos a todos que esta sinatura se levara a cabo moito antes, pero os atrancos quedan xa a un lado e agora comeza unha nova etapa na que todos queremos que as obras comecen o máis axiña posible e iso sairá dun marco de lealdade e colaboración institucional máxima”, concluíu Luís López.