A Deputación impulsa a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-6005 Prado-Bodaño, no concello de Lalín

As obras, cun orzamento de case 324.000 euros, están listas para saír a licitación e nelas inclúese a construción dunha senda peonil de case 600 metros e dunha zona de convivencia “baixo os parámetros de mobilidade sostible da Deputación”

02/10/2022

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta por aumentar a seguranza da rede de estradas provincias trala aprobación do expediente para sacar a licitación as obras de mellora da mobilidade viaria e peonil na EP-6005 Prado-Bodaño, ao seu paso por Lalín. Trala decisión da Xunta de Goberno as actuacións sairán a licitación cun orzamento de case 324.000 euros. Así o fixo saber a presidenta provincial, Carmela Silva, para quen esta é “unha nova obra baixo os parámetros de mobilidade sostible da Deputación de Pontevedra que van a converter esta infraestrutura en algo absolutamente diferente onde as protagonistas son as persoas e non os vehículos”.

A obra incluirá unha senda peonil en formigón coloreado de case 600 metros e cunha anchura mínima de 2,5 metros, que transcorrerá entre a intersección coa N-525 e o núcleo de Vilar do Río. Na mesma liña, instalarase unha zona de convivencia entre as e os peóns e os vehículos na zona da ponte sobre o Rego de Santa Lucía para dar continuidade á senda. A velocidade limitarase no tramo a 30 quilómetros por hora e levaranse a cabo cinco pasos de peóns elevados .

Ademais instalarase unha nova rede soterrada de pluviais e habilitarase unha cuneta de formigón transitable dun metro de ancho á esquerda desa infraestrutura. No marco das actuacións tamén se procederá a aglomerar todo o firme existente e executarase unha nova rede soterrada de alumeado público por debaixo da senda.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.