A Deputación comeza o procedemento para contratar a nova iluminación do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe
A renovación das luminarias, que conta cun orzamento próximo aos 100.000 euros, permitirá mellorar a visión do campo e reducir o consumo enerxético ata nun 50 %
13/11/2023
A Deputación de Pontevedra está en disposición de iniciar o procedemento de contratación das obras de renovación do alumeado exterior do campo de fútbol do Centro Príncipe Felipe, un asunto de especial transcendencia para a cidade e para o tecido deportivo de Pontevedra ao ser unha das instalacións máis empregadas polos equipos de fútbol da Boa Vila.
A institución provincial dedicaralles preto de 100.000 euros a estes traballos, que terán unha duración estimada de dez semanas e que suporán a dotación de novos proxectores LED para conseguir unha iluminación adecuada que asegure a visualización do campo de xogo. Ademais, paralelamente, reducirase drasticamente o consumo enerxético ao contar cunha tecnoloxía moito máis eficiente: ata un 50 % menos.
Esta mellora era unha demanda histórica dos clubs, moitos deles de categorías inferiores (desde benxamín ata xuvenil), que adestran e xogan no campo a diario e que nos últimos anos vían que as súas demandas eran ignoradas. No inverno, ao caer a noite arredor das 18 horas, a iluminación resultaba escasa e así complicaba poder practicar fútbol nesas condicións.