Continúa aberto o prazo para presentar ofertas ao acordo márco para a consultoría e asistencia técnica para presentar proxectos europeos
As empresas consultoras externas especializadas que queiran concorrer a esta convocatoria teñen de prazo ata o vindeiro 28 de xullo
17/07/2022
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou que está en marcha o Acordo Marco para os próximos catro anos para contratar un servizo de consultaría e asistencia técnica co fin de potenciar, impulsar coordinar e planificar a presentación de candidaturas e seguimento de proxectos financiados fondos europeos, incluídos os procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia que xorde ante a inminente chegada de novas convocatorias e oportunidades en todas as liñas europeas. Carmela Silva fixo fincapé en que é "preciso ter proxectos que se enmarquen nas nosas prioridades para a transformación da provincia e por iso sacamos este acordo marco", que conta cun orzamento máximo de 3.080.280 euros.
Na actualidade, atópase aberta a convocatoria pública para que "empresas consultoras cunha alta especialización nesta cuestións" poidan presentar as súas ofertas, con data límite do 28 de xullo. Desta maneira, a Deputación de Pontevedra poderá contar cunha estrutura que permita aproveitar ao máximo os fondos europeos "e ter todos os proxectos que sexan necesarios no curto e medio prazo". As empresas deben contar con profesionais adecuadamente cualificados e experimentados para a elaboración e redacción da documentación técnica necesaria para definir as actuacións (anteproxectos, memorias e orzamentos, proxectos básicos, proxectos construtivos, etc.).
Debido a complexidade e amplo espectro de materias que poden abranguer os proxectos, o Acordo Marco divídese en cinco lotes para cubrir as transformacións que van financiar os fondos Next Generation: medio natural, cambio climático, eficiencia enerxética e de enerxías renovables (983.421 €); enxeñería civil e arquitectura (1.151.400 €); novas tecnoloxías (270.066 €); proxectos sociais, de benestar e saúde (333.165 €), emprego, desenvolvemento local e función pública (342.228). Un requisitos fundamental para que as consultoras poidan concorrer é cumprir coas obrigas en materia medioambiental, social e laboral.