A Deputación de Pontevedra supervisa os traballos que está a desenvolver para a conservación e mellora do firme na EP-1201 Marín-Penizas en Marín
A deputada provincial Isabel Couselo recorreu xunto coa alcaldesa de Marín e tamén deputada provincial, María Ramallo, o tramo de máis de 300 metros no que se está a renovar o pavimento e a mellorar a plataforma
11/10/2024
A Deputación de Pontevedra está a executar os traballos de conservación e mellora do firme na estrada provincial EP-1201 Marín-Penizas no Concello de Marín. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu xunto coa alcaldesa de Marín e tamén deputada provincial, María Ramallo, o tramo de 300 metros no que se está a realizar a actuación, enmarcada no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a 4,5 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se están a realizar nesta estrada ao seu paso polo termo municipal de Marín teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura con aglomerado en quente que vai permitir solucionar as degradacións, deformacións ou fisuras. Ademais do firme, a actuación na estrada provincial entre Marín e Penizas contempla a reposición da sinalización horizontal e da drenaxe.
Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa a Marín, o lote 4, supón un investimento de máis de un millón de euros. No marco deste lote, xa se actuou en diversos tramos das estradas provinciais EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa (Pontevedra), na EP-0011 Gatomorto-As Augas (Pontevedra), EP-0103 N-550-Lago de Castiñeiras (Vilaboa), EP-1008 Hío-Vilanova (Cangas) e na EP-8202 Souto-Cequeril (Moraña). Ademais, está previsto que proximamente se inicien actuacións nas estradas provinciais EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela (Bueu), EP-1305 Igrexario de Cela-O Outeiro (Bueu), EP-1006 O Hío-Donón (Cangas), EP-1007 Acceso á praia de Nerga (Cangas), EP-1008 O Hío- Vilanova (Cangas) e EP-1103 San Benito-Domaio (Moaña).