Catas, endoscopias, termografías e electromagnetismos para coñecer o terreo e as patoloxías do convento de Santa Clara antes do concurso internacional de proxectos
O vicepresidente Mosquera anunciou que a Deputación vén de adxudicar os estudos xeotécnico e de patoloxías do recinto das Clarisas para coñecer información básica “e ver ver que manter, derrubar ou reforzar”
09/12/2022
A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar os traballos dos estudos xeotécnico e de patoloxías construtivas do convento de Santa Clara como paso previo ao concurso de proxectos no que se decidirá o aspecto final do conxunto para o seu paso ao Museo. Para realizas os traballos realizaranse catas, endoscopias, termografías e electromagnetismos con equipas de alta tecnoloxía que achegarán “información fiable para poder tomar decisións”.
As dúas empresas (Ingeniería, Geotecnia y Calidad SL e José Manuel Revelles Benavente) deberán entregar os seus traballos de análise no prazo dun mes tan pronto como se formalice o contrato, un trámite que será inminente co fin de avanzar o máis rapidamente posible para o lanzamento do concurso internacional, segundo subliña o vicepresidente César Mosquera.
Segundo explica o nacionalista, a Deputación de Pontevedra quere avaliar “con todo detalle e de maneira sistemática” a posibilidade de rehabilitación do complexo de Santa Clara, valorando unha reconstrucción parcial ou incluso unha ampliación para destinalo a usos museísticos que sexan “compatibles cos seus valores orixinais, coa protección do patrimonio cultural, co seu uso dotacional e co propósito municipal de dedicar a horta e os espazos non edificados do recinto conventual a outros usos públicos de goce pola ciudadanía”. A avaliación axuizará tamén, e de xeito particular, a posibilidade de dedicar parte do recinto á xestión integral da colección arqueolóxica do Museo de Pontevedra.
O terreo -lembrou Mosquera- ten uns 13.000 metros cadrados e unha superficie construída de case 4.500 dividida en varios inmobles de variada tipoloxía e época construtiva. As catas e sondaxes tanto para o xeotécnico como para o estudo de patoloxías “serán fundamentais e achegarán información básica sobre que se pode manter, que é preciso derrubar por estar en mal estado, e que se debe reforzar no caso de ter valor e interese a súa conservación”, indicou o vicepresidente, que destacou que esta información xunto ao estudo histórico artístico sobre o convento -cuxas conclusións iniciais xa están dispoñibles- serán unha base “moi completa” para que os estudos de arquitectura que se presenten ao concurso internacional de proxectos presenten as súas propostas.
No caso do xeotécnico preténdese coñecer o estado do terreo e tipoloxía das cimentacións das edificacións. Para elo realizaranse un mínimo de tres sondaxes mecánicas a rotación e cinco ensaios de penetración dinámica, así como ensaios de laboratorio que acheguen luz sobre as características químicas, a densidade, a humidade, a agresividade do chan e a auga co formigón, o nivel freático ou a sismorresistencia. O informe incluirá unha recompilación final coas recomendacións para seguir na escavación, parámetros de cálculo de contención, cimentación, e estrutura do proxecto futuro.
No caso do estudo de patoloxías débese facer unha caracterización dos elementos principais das edificación, inspeccionando o esquema estrutural dos edificios e os seus elementos portantes cunha ‘campaña de apertura’ de catas en muros, piares, vigas e forxados. Rexistraranse todas as patoloxías que poidan ser relevantes, tales como deformacións, defectos de execución, erosións, corrosións, fisuracións, faltas de recubrimento, humidades, degradacións ou perdas de material, entre outros.
Ademais das catas faranse inspeccións visuais das lesións, para o que ademais da observación xeral, se utilizarán cámaras endoscópicas e binoculares cando sexa preciso, así como termografías infravermellas e equipas de detección por electromagnetismo.