Broche de ouro para a primeira edición da residencia artística “Depocrea” no Náutico de San Vicente

O laboratorio de creación no que participaron Macarena Montesinos, Carla Andrade, Pablo Barreiro, Diego Vites, Yolanda Ríos e Olmo Blanco, péchase coa presentación das obras que van desde a fotografía á instalación, a composición musical ou a pintura

12/11/2022

Clausura DepoCrea

Arte e música puxeron hoxe o broche de ouro á primeira edición do programa “Depocrea”, a residencia artística convocada pola Deputación de Pontevedra que vincula creación e territorio e que tivo como privilexiado escenario o Náutico de San Vicente do Grove. Despois de quince días de intensa actividade artística e colaborativa, Carla Andrade, Pablo Barreiro, Macarena Montesinos, Diego Vites, Yolanda Ríos e Olmo Blanco, os e as seis creadoras que teñen participado neste pioneiro “laboratorio de creación”, amosaron o froito do seu traballo nun acto no que estiveron acompañados pola deputada de Cultura, Victoria Alonso, e o responsable do Náutico, Miguel de la Cierva. A cita estivo amenizada pola música de tres das cantantes mentorizadas no programa provincial “Descúbreas”, Caro, Ane Swan e Sara Casas.

As obras das e dos participantes, que destacaron a magnífica oportunidade brindada desde a Deputación e o Náutico para desenvolver esta acción de convivencia e colaboración artística, abranguen distintas disciplinas co eixo común da vinculación co territorio e coa cidadanía da contorna. Van dende a fotografía á instalación, pasando pola composición musical, o cinema ou a pintura. Ao longo das dúas semanas desta residencia, amais do proceso de creación conxunta, contaron con visitas de público e de profesionais do sector. “Depocrea” consolídase así como aposta da Deputación á produción contemporánea para situar a cultura como unha ferramenta de inclusión e participación cidadá, baixo o marco da sostibilidade e a igualdade.

A deputada de Cultura, Victoria Alonso, destacou que tralo éxito desta primeira convocatoria, “Depocrea” xa ten garantida a segunda edición, e subliñou “o diálogo” de todas as obras presentadas coa contorna. “Con este programa –dixo-, quixemos apoiar ás e aos creadores e creadoras e incentivar a innovación para propiciar proxectos con olladas diferentes, que permitan desestacionalizar lugares turísticos cunha poboación local permanente máis escasa e que recollan e actualicen a memoria cultural, social, etnográfica e histórica da provincia, co fin de manter vivo o noso patrimonio intanxible”. Alonso agradeceu a colaboración do Náutico de San Vicente, “que permitiu esta sinerxía entre a arte e música e que foi espazo de creación, estudio compartido máis tamén fogar, acollendo ao grupo de artistas cunha forte implicación”. Tamén a Miguel de la Cierva “por ser unha persoa cómplice coa arte contemporánea e un axitador cultural cun espazo vertebrador e programador dunha intensa actividade musical e cultural como é o Náutico”.

As obras

A proposta de Carla Andrade, que describe como de fotografía expandida, partiu da paisaxe costeira e os elementos naturais de San Vicente do Grove “para suxerir formas alternativas da experiencia do sublime que difiran do discurso hexemónico, historicamente desenvolvido dentro dunha tradición patriarcal”. Sobre o programa de residencia, apuntou que amais de permitirlle explorar o espazo e as súas xentes máis profundamente, “foi un auténtico privilexio ter a oportunidade de coñecer máis a fondo ás e aos meus compañeiros e compartir procesos de traballo, o que directa e indirectamente enriquece moitísimo esta experiencia”.

“Depocrea, afirmou Pablo Barreiro, deume a oportunidade de medrar un proxecto vinculado co territorio e entre compañeiras artistas. Toda unha experiencia positiva”. Para o creador, o concepto de residencia “sempre é frutífero e catalizador de novos procesos e pensamentos e neste caso, coa súa Idea dun lago, investigou sobre “paisaxe-territorio-natureza dende unha perspectiva escultórica, de intervención e estética”. Sinalou que buscou unha “poetización da paisaxe, tendo en conta a mirada das xentes locais, a profundidade e repercusión do territorio e como isto inflúe na natureza”.

Soa San Vicente do Mar! é o  proxecto da violoncellista e artista visual Macarena Montesinos  no que mesturou arte de acción, arte sonora e vídeo creación. Xerou accións co seu propio violoncello en diferentes espazos sonoros naturais da contorna coma as pasarelas de madeira, a lagoa Bodeiro ou a praia Abelleira, entre outros. Para ela, “Depocrea” ten sido “unha oportunidade perfecta para poder levar a cabo un proceso de creación e investigación sonora e audiovisual nunha paraxe única coma San Vicente do Mar”.

No caso de Diego Vites o artista traballou para o seu proxecto Cabria para Barrosa coa pintura, o vídeo, a instalación e a escultura, co que asegura que quixo propoñer “un espazo para a experimentación e a análise das formas que se dan no proceso do secado artesanal do polbo, a camiño entre a investigación etnográfica e a plástica contemporánea”. Sobre a súa experiencia na residencia, destacou a posibilidade de “ensaiar estes artefactos nunha entorna natural e expandir os límites que supón un taller habitual”.

Yolanda Ríos explicou que a súa proposta de escultura/instalación, titulada “A memoria intersticial”partiu do feito achado dos restos arqueolóxicos do xacemento de Adro Vello no Grove. Esas “construcións (ausentes) e as súas formas de habitalas, así como as diferentes ocupacións do territorio” marcan a súa proposta”.  Para Ríos, a iniciativa da Deputación supuxo “un espazo e tempo de traballo compartido con outros e outras artistas que enriquecen enormemente o proceso de creación da obra”. “E a propia situación da residencia sitúanos nun lugar que foi case como unha “illa”, xa que en inverno as e os habitantes redúcense considerablemente. Ademais da contorna natural, o son do mar e o vento nos acercan aínda máis á sensación de habitar unha illa”.

Finalmente, Olmo Blanco subliñou que o seu proxecto de escultura e instalación aborda “a representación plástica da paisaxe local, utilizando soportes que van do tradicional (como a pintura sobre lenzo) ao dixital (como as  animacións GIF)”. Destacou neste senso que a celebración deste tipo de residencias artísticas “ofrece a posibilidade de afondar no contexto sobre o cal se vai a traballar, chegando así unha comprensión máis profunda e real das problemáticas de cada lugar”.

Galerias de imaxes

videos