A Deputación reanuda esta fin de semana en Cangas a programación para recuperar a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil
Este venres 15 e o sábado 16 de setembro o concello do Morrazo acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia
14/09/2023
A Deputación de Pontevedra retoma esta fin de semana en Cangas o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 15 e o sábado 16 de setembro e inclúen presentacións, proxeccións e encontros, con especial fincapé na relación que Gil mantivo coa vila do Morrazo a través dos seus filmes.
Gil foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo. A vila de Cangas aparece en moitos planos dos seus filmes tirados desde Vigo co percorrido do vapor que une ambas cidades. Ademais, o empresario foi invitado pola Comisión de Festas da vila en 1912 para proxectar publicamente varios filmes, entre eles La fiesta de la Coca en Redondela. A derradeira película, La Península del Morrazo, estaba constituída por paisaxes mariñeiras de Cangas, Bueu e Aldán.
Na xornada do venres 15 o Auditorio Xosé Manuel Pazos acollerá pola mañá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros de ensino, que poderán tamén visitar o Cinemóbil que acompaña cada parada do proxecto e que contén os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.
O sábado 16 a programación arrancará ás 10:00 horas na praza da Constitución, onde estará instalado o Cinemóbil e onde Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto, Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023 e que aborda a biografía de Gil. De 13:00 a 14:00 horas, haberá unha sesión vermú amenizada pola Banda de Música Belas Artes de Cangas. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao auditorio.
O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades que se desenvolven ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, en febreiro, e ao longo deste ano percorre Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.