As superbacterias centran este luns unha charla do ciclo Aida Fernández Ríos no CPR Aloya de Vigo

A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias retoman os faladoiros deste programa en centros educativos da man da directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria da Universidade de Santiago, Azucena Mora

29/10/2023

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias retoman este luns 30 de outubro o IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos nos centros educativos, cunha nova charla dirixida ao alumnado mozo que terá lugar no CPR Aloya de Vigo. Neste faladoiro, que terá lugar ás 15 horas, Azucena Mora Gutiérrez, profesora titular de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) da Universidade de Santiago, abordará o tema das superbacterias.

“Superbacterias e one health: do filete ao raposo e á diarrea” é o título desta charla, na que Mora incidirá en que a resistencia aos antimicrobianos mata cada ano uns 1,2 millóns de persoas e, ademais, pon en perigo a seguridade alimentaria, o desenvolvemento sostible e, globalmente, a estratexia “da granxa á mesa”. Segundo afirma, as persoas estamos inmersas nunha pandemia silenciosa e, para abordala, é necesario pensar nunha “saúde única” (one health). As investigacións demostran que as superbacterias flúen polos distintos ecosistemas, desde a granxa ata o filete que se consome, e a ciencia busca estratexias para salvagardar os antibióticos e ferramentas para gañar esta batalla.

O ciclo Aida Fernández Ríos, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu como homenaxe a esta investigadora, bióloga oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e á formación en igualdade, visibilizando  grandes referentes femininas do ámbito STEAM. O programa inclúe tanto conferencias abertas ao público coma dirixidas especificamente ao alumnado de centros educativos.