A presidenta da Deputación de Pontevedra recolle en Cáceres o “I Premio Sumando Igualdad Charo Cordero”

Coa presenza do presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, Carmela Silva recibiu o recoñecemento pola súa traxectoria e traballo na loita feminista. “É unha auténtica honra”

14/10/2022

Premios Charo Cordero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recolleu esta tarde en Cáceres o Premio “Sumando Igualdad Charo Cordero” como recoñecemento “a súa longa traxectoria na loita feminista e para visibilizar o seu traballo pola Igualdade desde a política”, nun acto presidido polo presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, e ao que tamén asistiron o ex presidente Juan Carlos Rodríguez ibarra, o alcalde de Cáceres Luis Salaya ou a consejera de igualdade da Junta, Isabel Gil, entre outras autoridades. Trátase da primeira edición destes Premios que levan o nome da ex presidenta da Deputación de Cáceres, Charo Cordero, falecida o pasado ano, unha das mulleres referentes no Estado na loita contra as desigualdades, no traballo para favorecer a presenza das mulleres ou no impulso de políticas no eido do reto demográfico. O acto de entrega celebrouse no Auditorio do Complexo Cultural San Francisco da cidade extremeña no que a presidenta provincial recibiu un dos tres premios “Sumando Igualdad”, que tamén recaeron na Escuela Feminista Rural Valle del Jerte” e na investigadora Laura Muñoz Encinar polo seu traballo en prol dos dereitos humanos

Carmela Silva  mostrou a súa emoción ao recoller este galardón. “É unha grande honra recibir este premio que leva o nome dunha muller que eu tanto admiraba. Ao longo da vida profesional ou persoal podemos recibir algúns recoñecementos, dixo, pero este é para min moi especial”. A presidenta da Deputación, que agradeceu expresamente a presenza do presidente da Junta Fernández Vara e do ex presidente Rodríguez Ibarra, dedicou o premio “a todas as mulleres feministas que construíron o proxecto da igualdade que é o máis revolucionario que nunca existiu”. Tamén valorou que o Premio chegue de Extremadura. “Na Deputación de Pontevedra defendemos as políticas de igualdade como un eixo central na toma de decisións. É moi importante que se nos recoñeza e que amais se faga nunha comunidade e nunha provincia como Cáceres onde levan tanto tempo desenvolvendo políticas coas que as mulleres están no centro”

Na súa intervención, Carmela Silva fixo unha homenaxe a Charo Cordero, que dá nome aos Premios, “á compañeira e amiga con quen tanto compartín”, e lembrou as palabras que definiron a ex presidenta provincial de Cáceres “cando dicía que sempre hai tempo para  darlle vida aos soños”. “Era unha muller única que cría  profundamente nos dereitos das persoas e que defendía as políticas de igualdade para que as mulleres ocupásemos os espazos”. Tamén lembrou que Charo Cordero puxo no mapa as prioridades políticas da loita contra o despoboamento e todas as medidas que hoxe se están a reclamar para facer fronte ao reto demográfico”. Carmela Silva rematou a súa intervención cunha das frases que sempre caracterizaron á ex presidenta falecida. “Non deixemos nunca de soñar que se pode construír un mundo mellor”

Galerias de imaxes