Marta Fernández-Tapias participou en Nigrán na presentación do IV Campionato de España de Surf Adaptado

24/10/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe en Nigrán na presentación do IV Campionato de España de Surf Adaptado e o III Campionato Galego, nunha xornada na que tamén se está a desenvolver a II Copa Nigrán nesta especialidade. Na súa intervención, Fernández-Tapias destacou que estes eventos, que se celebran na praia de Patos, “referencian á provincia no ámbito deportivo e especialmente no da inclusión”. “Volver ser o escenario destas citas que reúnen aos mellores deportistas de Galicia e de España do surf adaptado significa que cando se trata de organizar eventos de nivel, esta provincia responde –subliñou-. Pero significa tamén unha aposta decidida e un compromiso pola igualdade e porque cualquera disciplina deportiva chegue a todos, sen barreiras. Con vós, sen dúbida facemos máis provincia”.

A vicepresidenta amosou o firme compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte e animou aos participantes a desfrutar ao longo da semana non só da actividade no mar, senón tamén “destes días de convivencia”. “Pontevedra é desfrutar –indicou- e estamos orgullosos de poder acollervos”. Ao acto de presentación tamén acudiu o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete. ​

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.