A oficina de turismo de Cambados avanza cara unha atención dixitalizada da man do proxecto provincial Tourist Inside
Este novo modelo baséase nas novas tecnoloxías para ofrecer unha experiencia máis enriquecedora ás persoas que soliciten información do destino Pontevedra Provincia
31/08/2022
A oficina de turismo de Cambados sumarase á revolución tecnolóxica ao instalar nas súas dependencias elementos dixitais que mudarán o modo de entender a atención ás persoas visitantes. Así o fixeron saber a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde e Cambados, Samuel Lago, quen nunha visita esta mañá á oficina anunciaron os cambios a implementar gracias ao proxecto provincial Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado. O Tourist Inside está a propagar esta transformación dixital pola rede Info Rías Baixas, á que está adherida a oficina cambadense.
As accións previstas son a instalación dunha pantalla dixital de 55 polgadas que ofrecerá información do destino Pontevedra Provincia ás persoas visitantes e no seu interior tamén albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A transformación da oficina de Cambados completarase coa incorporación de dous tótems interactivos -un situado no interior e outro no exterior da instalación- que ao igual que a pantalla dixital ofrecerán información de interese. As actuacións do Tourist Inside espallaranse igualmente polo municipio, no que se colocarán 10 “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.
Dende este ano a oficina de Cambados conta coa “Q” de Calidade turística. Este distintivo do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) convértea en referente na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.
2.400 visitantes no que vai de ano
Un total de 2.412 persoas achegáronse á oficina de Cambados a solicitar información. Delas a maioría eran de nacionalidade española (89,51%) e chegadas en gran medida de Madrid (22,67%), Araba ou Asturias. Entre o turismo estranxeiro (o 10,49% restante) destacou a presenza de persoas procedentes dos Países Baixos, Francia e Reino Unido.