O AECT Rio Minho e as eurocidades poñen a circular a partilla de bicicletas E-Bike Rio Minho , o primeiro servizo de xestión transfronteiriza real na península

O deputado de Cooperación Trasnfronteiriza Uxío Benítez anunciou que a iniciativa nace con vocación de ampliación en número de bicicletas e de estacións e tamén cara a localidades fóra das eurocidades

06/07/2022

bicis transfronteirizas

O AECT Rio Minho, en sociedade coas eurocidades Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monçao puxo hoxe en circulación o ‘E-bike Rio Minho’, un servizo de partilla de bicicletas eléctricas que nace como o primeiro servizo de xestión real verdadeiramente transfronteiriza de toda a Península Ibérica. Grazas á iniciativa calquera persoa veciña ou visitante das principais vilas do Miño poderá rodar cruzando dun país a outro nas 46 bicicletas dispoñibles totalmente de balde simplemente realizando unha tarxeta de persoa usuaria ou ben empregando a App creada para o funcionamento.

Para a estrea do servizo realizouse un percorrido no que estiveron involucrados non só representantes institucionais (da Deputación, concellos, AECT, CIM e CCDR-N) , senón tamén veciñanza de todos os concellos. Partiron comitivas dende Monçao e Salvaterra, tamén de Tomiño e Cerveira e xuntáronse todas coa parte de Tui-Valença no Largo dos Comboios de Valença a media mañá. Dende alí fixeron un treito conxunto cruzando simbolicamente a vella ponte de ferro ata unha explanada anexa á alfándega de Tui, onde se realizaron os discursos oficiais e se tomou un pequeno refrixerio de confraternización.

O deputado Uxío Benítez destaca que o servizo ‘E-bike Rio Minho’ supón o primeiro proxecto que realmente é de xestión compartida entre os dous países, a Galiza e Portugal, para prestar un servizo conxunto a todo o territorio transfronteirizo. Subliñou que se trata dunha iniciativa piloto que ten vocación de ampliación, posto que se está a traballar na consecución de máis fondos comunitarios para aumentar o número de bicicletas dispoñibles, o número de estacións de carga e ancoraxe, e tamén a instalación en máis localidades do Río Miño fóra das eurocidades.

Segundo o nacionalista, o ‘E-bike’ evidencia varios dos obxectivos estratéxicos do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho. O primeiro, que o AECT naceu con vocación de dar servizo a todo o territorio transfronteirizo do Miño; o segundo, fixar e consolidar o Rio Miño como un destino e unha marca turística que sexa atractiva a visitantes; e por último, promover a ligazón e a conectividade na fronteira mediante servizos de mobilidade activa e suave que substitúan aos vehículos como tamén se fará co Anel Verde do Miño, unha iniciativa para crear unha ruta circular na que pasear e circular en bici.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza explicou que o orzamento do proxecto é de 90.000 euros, sendo o 75% do total inxectado dende o FEDER a través do POCTEP e o resto do AECT (Deputación e CIM) e eurocidades. Amais, o estado portugués, a través dun fondo ambiental achegou unha subvención para a instalación de estacións físicas de ancoraxe na parte lusa, que supuxo un investimento doutros 75.000 euros.

Obras nas pontes e novos viadutos

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a “experiencia única” que supuxo “saír de Valença e chegar a Tui” paseando sobre as bicicletas transfronteirizas “por esa ponte que é un símbolo internacional”. A presidenta fixo fincapé na importancia de “traballar xuntos e xuntas” para situar o territorio do sur de Galicia e o norte de Portugal “en proxectos que van atraer moitas persoas visitantes e que permitirán amosar os valores medioambientais, culturais e patrimoniais que son un orgullo para todas e todos nós”. Estes proxectos de futuro comezan con “ideas concretas” como este “E-Bike Rio Minho” impulsado pola AECT Rio Minho, “unha das máis activas que existen” e que “transforma o territorio para mellorar as vidas da xente”. 

bicis transfronteirizas

O alcalde de Tui Enrique Cabaleiro manifestou a súa esperanza de que a vella ponte de Tui sexa a futuro un viaduto no que circulen unicamente bicicletas e persoas a pé, idea que supón un grande “reto e desafío”. Así o subliñou o presidente de câmara de Valença Jose Manuel Vaz Carpinteira, que asegurou que o desexo “non será fácil” pero servirá para potenciar a mobilidade suave e gozar da paisaxe e o patrimonio.

A alcaldesa de Salvaterra Marta Valcárcel subliñou que na xornada de hoxe deuse a coñecer o traballo importante feito dende o AECT e as eurocidades sobre o medio ambiente e o turismo. “Esta mobilidade suave incrementará o atractivo e a visita aos nosos municipios”, dixo, asegurando que dende Monçao-Salvaterrra estase a traballar nun proxecto de modificación da súa ponte internacional (a 3ª de máis transito de toda a fronteira peninsular) para garantir un mellor espazo a bicicletas e turismo. O presidente de Monçao, pola súa banda, salientou que haberá “un espazo en condicións para rodar en bici e ir a pé” para potenciar o goce dunha natureza única “e vivir unidos polo pai Minho”.

Finalmente, a representantes de Tomiño Sandra González salientou o traballo transfronteirizo. “Non podiamos ter pasado máis obstáculos: a pandemia, a crise de bicicletas e a crise de microchips, pero mesmo así este proxecto saíu adiante. Non foi sinxelo pero fomos quen de facelo”, destacou, ao tempo que lembrou que a iniciativa une dúas cousas que marcan o ADN da eurocidade, a mobilidade suave e a cooperación transfronteiriza: “Cada vez máis a UE valora máis estes proxectos que cosen a fronteira e unen a pobos veciños. As bicis van ser moi usadas e a veciñanza sentirase preto. E nós traballaremos para ter a nosa nova pasarela que atravesará o Parque da Amizade e poidan pasar por alí cruzando o Miño”.

Pola súa banda, o director do AECT Rui Teixeira subliñou que este proxecto é “un paso pequeno máis moi importante no ámbito da sustentabilidade e o turismo. Temos as bicicletas da ‘Amizade’ e van dar a coñecer o territorio a quen o visite”.

O presidente da CIM Alto Minho Manoel Batista subliñou, pola súa parte, o proxecto extraordinario do ‘E-bike’ posto que “marca un novo nexo entre o territorio”. Salientou que dado que en breve haberá unha nova eurocidade formada por As Neves, Arbo, Cañiza, Crecente e Arbo, será preciso ampliar o proxecto. Tamén fixo fincapé na necesidade de construción dunha nova ponte internacional en Melgaço para que asuma parte do tráfico de vehículos e faga fluír mellor a mobilidade activa.

Finalmente, o vicepresidente da CCDR-N Bernardino Pinto subliñou a alegría de que o proxecto da partilla das bicis transfronteirizas sexa unha realidade. “Este proxecto ten que ser replicado noutros lugares porque vai en beneficio da poboación e traspasa barreiras que aquí foron vencidas. É un exemplo moi grande do bo uso dos fondos comunitario e supón vencer un desafío: usar os fondos con grande proveito para as persoas con ambición e tendendo lazos de amizade”, concluíu.

Como funciona o servizo?

As bicicletas do servizo ‘E-bike’ poden ser utilizadas totalmente de balde por calquera persoa, xa ben veciña das eurocidades ou visitante puntual, e pódense mover por todo o territorio ribeireño dos concellos beneficiados durante un máximo de tres horas. Para usar un ciclo só é preciso acudir a un punto de atención (Casa do Concello de Tomiño, Oficina de Turismo de Tui –Corredera- ou Concello ou oficina de turismo de Salvaterra) e crear unha tarxeta de persoa usuaria ou empregar a App facendo un depósito con tarxeta que se devolve pasadas 48 horas se non hai danos no equipo.

As bicicletas dispoñibles están situadas en estacións virtuais no caso dos concellos galegos e estacións con ancoraxe física no caso das câmaras portuguesas. Teñen sistema de xeolocalización e bloquéanse no caso de usos incorrectos. No caso da eurocidade de Tui Valença pódense retirar e aparcar na Praza da Inmaculada e na Estación de Comboios ou na Piscina Municipal, respectivamente. Estas eurocidades dispoñen de 14 vehículos que agora no verán se poden utilizar entre as nove da mañá e as nove da noite hora galega.

No caso de Tomiño-Cerveira hai 16 bicicletas que teñen unha estación virtual na Praza do Seixo, mentres que en Cerveira están na Praza do Municipio e na Avenida das Comunidades Portuguesas. En Salvaterra a estación virtual onde se poden retirar e devolver está no Parque de A Canuda, mentres que en Monçao en Lodeira e a Praza Deu la Deu. Máis información en aectriominho.eu/e-bikeriominho.

Galerias de imaxes

videos