A Deputación inaugura nos xardíns do pazo o banco conmemorativo do “Manifesto de Soutomaior” para reivindicar “a palabra” das mulleres da escrita

Carmela Silva: “Este banco é un libro aberto como aberta é a mirada das mulleres que puxeron en marcha o Manifesto, unha proba viva do presente e do futuro para que a xente saiba que as mulleres estamos en pé, de loita, coa palabra e coa acción en defensa da igualdade”

23/11/2022

BANCO ANIVERSARIO MANIFESTO SOUTOMAIOR

Con “optimismo” e ganas de “seguir percorrendo o camiño cunha mirada violeta, reivindicando as mulleres da escrita”, a presidenta da Deputación Carmela Silva xunto ás creadoras que asinaron o Manifesto de Soutomaior veñen de descubrir hoxe o orixinal banco co que se conmemora o primeiro aniversario da súa sinatura. Os xardíns do Pazo provincial xa contan coa escultura elaborada pola Escola de Cantería, que reflicte o nome dalgunhas das fundadoras do Manifesto e parte das súas reivindicacións. “É un libro aberto- sinalou a presidenta - como aberta é a mirada das mulleres que puxeron en marcha esta iniciativa; unha proba viva do presente, do futuro, para que a xente saiba que as mulleres estamos en pé, de loita, coa palabra, en defensa da igualdade”.

“As cousas téñense que cambiar e nós somos seres humanos comprometidas con cambialas - remarcou a presidenta ao descubrir o banco de granito- Non imos parar ata conseguir que as mulleres, as nosas historias, a nosa palabra, os nosos relatos, ocupen o lugar que merecen. Este banco é o banco da ilusión do cambio, da fermosura das ideas da igualdade, que transforma o mundo e amosa un modo de estar, pero tamén representa, a través do granito, a fortaleza das mulleres do Manifesto de Soutomaior que son un enorme orgullo para o conxunto da cidadanía”.

A presidenta recordou que foi en novembro de 2021 cando a Deputación celebrou por vez primeira o Día das Escritoras cun encontro de autoras e editoras galegas que culminou coa sinatura do Manifesto de Soutomaior. No Manifesto, asinado por Fátima Anllo, Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas, Arantza Portabales, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Carmela Silva, M.ª Victoria Alonso, Lucía Muradas, Paula Cabaleiro e Ana Amoedo, esixíase, entre outras cuestións, o cumprimento do artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade e a revisión do canon literario, así como a presenza das mulleres autoras e editoras galegas no currículo escolar, nos espazos de toma de decisión, nos nomeamentos, nos xurados dos premios literarios, nos días das Letras Galegas, nos recoñecementos, nos premios, nas edicións de antoloxías e nas Reais Academias.

“Temos conseguido nun ano cousas que parecían imposibles”, destacou Carmela Silva. “Estas mulleres empuxan forte e ben”, asegurou, e recordou que ao longo deste tempo moitas máis mulleres recibiron premios literarios e teñen aparecido máis galardóns con nome de muller. “O Manifesto está a facer que a moita xente non lle quede outra que moverse”, remarcou, e explicou que, ao abeiro deste movemento, a Deputación vai poñer en marcha, entre outras iniciativas, os premios literarios “Hai unha voz”, para recoñecer o papel das escritoras e profesionais galegas no ámbito da literatura; o concurso escolar de relatos “Cambiemos o conto”, para premiar ás redaccións centradas na igualdade e na loita contra as violencias machistas; así como un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e unha biblioteca dixital de mulleres da escrita.

Galerias de imaxes

videos

audios