A Deputación abre este martes o prazo para que as entidades da provincia soliciten as novas axudas provinciais para a adquisición de materiais e servizos para eventos deportivos
Trátase dunha nova liña de axudas, convocada por vez primeira este ano, que está dotada con 120.000 € para dar resposta a unha demanda histórica das entidades da provincia e impulsar a práctica do deporte
10/03/2025
A Deputación acaba de activar a nova liña de axudas, dotada con 120.000 euros, para que entidades públicas ou privadas da provincia poidan financiar materiais ou servizos para campionatos ou eventos deportivos. O obxectivo destas achegas, que se poderán solicitar desde mañá martes 11 de marzo e se concederán de maneira directa a través dunha convocatoria aberta anual, é dar resposta a unha demanda histórica das entidades da provincia mediante unha liña de axudas que pretende axilizar os trámites e as compras aos organizadores e promover a práctica deportiva.
En concreto, cada entidade poderá recibir unha achega máxima de 1.000 euros, e a convocatoria conta con dúas liñas de financiamento. Por unha banda, haberá axudas para a adquisición de bens a entregar aos participantes nas probas, como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional relacionado co evento, e, pola outra, recursos para contratar servizos necesarios para a organización do evento, como asistencia sanitaria, seguridade, arbitraxe ou servizos de retransmisión ou streaming.
Estas achegas, que se poden solicitar ata o 30 de novembro, súmanse así ás postas en marcha nos últimos días para o fomento do deporte na provincia, como as destinadas aos clubs deportivos e federacións para a organización de competicións deportivas, dotadas con 550.000 euros e que poden solicitarse desde hoxe mesmo e ata o vindeiro 4 de abril, ou as axudas para a organización de eventos deportivos de interese turístico, dotadas con 100.000 euros e que teñen o prazo aberto ata o 26 de marzo.