A Deputación destina 700.000 euros para apoiar o sector agrogandeiro e as confrarías e agrupacións de mariscadoras da provincia

O presidente Luis López confirma que se trata de 200.000 euros máis que o destinado no 2024, como xa adiantou nos encontros que mantivo esta semana en Lalín e Baiona con ambos sectores

07/03/2025

Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres un total de 700.000 euros, 200.000 máis que o pasado ano, para o sector primario a través de dúas liñas de axudas que o presidente Luis López presentou esta mesma semana en dous actos con representantes do sector agrogandeiro e do mar en Lalín e Baiona, respectivamente. En concreto, trátase de 350.000 € para confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras e o mesmo importe para cooperativas agrogandeiras da provincia. “O sector primario é un dos máis importantes motores económicos da provincia e unha valiosa fonte de emprego, e por iso temos que estar ao seu carón, apoiándoos para que poidan desenvolver o seu traballo”, asegurou López.

As confrarías e agrupacións de mariscadoras veranse beneficiadas destas achegas por valor de 350.000 euros, 100.000 € máis con respecto ao pasado ano, que se dividen en dúas liñas diferentes. Por unha banda, a Deputación pon á disposición do sector 150.000 euros, o dobre que o pasado ano, para investimentos, entre os que se inclúen materiais de vixilancia, elementos de transporte, construcións ou mobiliario. Tamén aumenta a segunda das liñas, destinada a gasto corrente, pasando de 175.000 a 200.000 €. O presidente provincial lembrou o éxito desta liña, posta en marcha o pasado ano por vez primeira “recollendo un clamor do sector” ao englobar gastos como o combustible e a electricidade, a adquisición de semente de moluscos bivalvos ou o gasto de persoal. En ambos casos, a achega ira dos 600 aos 40.000 euros, sendo a porcentaxe máxima subvencionable do 80% do orzamento.

Por outra banda, as axudas a cooperativas agrogandeiras, que ascenden aos 350.000 euros, experimentan tamén unha suba de 100.000 euros con respecto ao pasado ano. A través desta liña a Deputación repartirá entre 600 e 45.500 euros que servirán para financiar ata o 65 % do investimento. Con estes fondos, as cooperativas poderán realizar investimentos para mellorar os seus servizos, impulsar a comercialización e valorización dos seus produtos, mellorar a formación, desenvolver proxectos de innovación, e, entre outras actuacións, investir no uso das novas tecnoloxías ou enerxías renovables.

videos

audios