A Deputación abre o prazo para optar ás axudas para a edición de obras en galego de difusión cultural, dotadas cun orzamento de 100.000 euros, 10.000 máis que no 2024

A convocatoria está destinada a entidades sen ánimo de lucro, que terán un mes para solicitar as achegas de ata 10.000 € para a edición de publicacións, libros e audiovisuais de interese cultural

18/02/2025

A Deputación abre mañá, mércores 19 de febreiro, o prazo para optar ás axudas para apoiar edicións en papel, audiovisuais, mixtas ou noutros formados que estean promovidas por entidades sen ánimo de lucro neste 2025. Unha liña de axudas que este ano está dotada con 100.000 euros, 10.000 máis que no 2024, cando se financiaron un total de 28 obras.

As achegas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a obras editadas en galego que teñan a finalidade de difundir traballos de interese cultural. Deste xeito, as publicacións subvencionadas, de carácter divulgativo, deberán tratar aspectos relacionados coa provincia, co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico, ou con persoas e colectivos relevantes desta. Ademais, deberán estar editados en galego normativo e non poderán ser distribuídos como suplemento doutra publicación.

O importe máximo da subvención para cada edición non superará o 70 % do orzamento total e, en calquera caso, os 3.500 euros no caso de publicacións en papel, os 6.000 euros no caso de edicións en formato audiovisual e mixta (que inclúan publicacións en papel e en audiovisual) e 10.000 euros no caso de formatos especiais de edicións para persoas con diversidade auditiva, visual ou cognitiva. Á hora de conceder as axudas valorarase a calidade técnica da proposta e a achega da publicación ao desenvolvemento, á normalización e promoción da lingua galega, ao fomento do patrimonio galego, á recuperación da memoria histórica, á igualdade de xénero, á diversidade funcional e á conservación do medio.

Unha vez aberto o prazo, este mércores 19 de febreiro, as entidades interesadas terán un mes para solicitar as achegas. As bases, así como a información detallada da convocatoria, poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.