A Deputación aconsella manter a vixilancia ante o mildio e incrementar a atención fronte ao oídio nas viñas de variedade non albariña

Areeiro confirma a actual situación favorable das plantas xa tratadas e que xa se empezan a observar os primeiros acios de albariño con uva formada

31/05/2024

Acio e folla de viña con sintomas oidio

A Deputación de Pontevedra aconsella seguir mantendo a vixilancia ante o mildio nas viñas da provincia esta semana. Desta maneira, a climatoloxía máis seca canto a precipitacións, xunto cos últimos tratamentos realizados, provocou unha situación moi favorable e así, a maioría de parcelas están libres de síntomas da enfermidade. Por outra banda, os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro advirten da presenza de oídio nalgunha viña de variedade non albariña, polo que recomendan incrementar vixilancia ante esta patoloxía.

Malia que a previsión para os próximos días é de tempo estable, seco e solleiro, os técnicos de Areeiro insisten no esencial que é a roza da vexetación baixo as viñas e tamén a realización doutras labores culturais que faciliten a ventilación e impidan as retencións de humidade innecesarias. Entre estas labores están os despuntes das viñas excesivamente vigorosas ou frondosas e a retirada dos brotes chupóns. Nestes días comezan a observarse ademais os primeiros acios de albariño con uva formada, e o bo tempo axudará a superar a floración nas próximas semanas.

Os técnicos de Areeiro tamén destacan as boas noticias sobre a botrite, pois co tempo seco desta semana e a previsión da súa continuidade para a semana que entra os restos das flores desprenderanse sen problema. Tamén seguen a ser baixas as capturas de avelaíña da uva, se ben esta semana atopamos o primeiro niño (glormérulo) en dúas viñas.

En canto ao castiñeiro, esta semana aínda se incrementou máis a cifra de capturas de tortrícido precoz na trampa que a Deputación de Pontevedra ten instalada en Areeiro, do mesmo modo que na instalada en Ponte Caldelas. O persoal técnico do centro ve posible que se alcance o pico de voo proximamente, momento no que recomendan aplicar un tratamento. Por iso, insisten na importancia de que cada persoa instale trampas nos seus soutos ou plantacións para comprobar o estado das poboacións en cada caso concreto. Por último, en canto á bolboreta do buxo, seguen sen capturarse adultos nas trampas instaladas.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.