As historias das monxas de Santa Clara, protagonistas da quinta charla do ciclo de conferencias sobre o convento

O coordinador do estudo histórico sobre a orde en Pontevedra, quen sacou á luz a rebelión das clarisas fronte aos franciscanos no XVIII, expón mañá luns os resultados da súa investigación ata o momento

04/12/2022

Suso Vila

Mañá luns terá lugar a quinta das sete charlas do ciclo de conferencias sobre Santa Clara organizadas pola Deputación e o Museo de Pontevedra, e nesta ocasión o contido do relatorio será case como unha novela histórica:  o coordinador do apartado histórico-artístico do estudo sobre o convento, Suso Vila, dará a coñecer os resultados da súa investigación e contará diferentes momentos clave da historia das monxas na cidade.

Baixo o título ‘Os papeis de Santa Clara’, Vila, doutor en Historia da Arte e responsable da recollida da documentación histórica e a análise bibliográfica dos volumes que existen sobre a orde das clarisas en Pontevedra, exporá multitude de anécdotas sobre todo o relacionado co convento. No seu informe recolleu unha das historias máis sonadas e divulgadas nas últimas semanas, descoñecida para a meirande parte dos pontevedreses: que as monxas se rebelaron contra os franciscanos no século XVIII pola tiranía e os abusos que sufrían, un asunto no que tivo que interceder o papa de aquel entón, quen apoiou ás clarisas, que -a pesares de estar en clausura- chegaran incluso a abandonar as instalacións onde vivían na cidade do Lérez para facer as súas reclamacións.

Vila tamén fará un percorrido polo protagonismo feminino en torno á orde, tanto dentro dos edificios da clausura, como fóra deles en toda a cidade de Pontevedra. En concreto, o historiador explicará como ao longo de máis de 700 anos de historia houbo personaxes destacables como a fundadora Leonor Rodríguez, da casa dos Mariño, enterrada na igrexa; Leonor de Montenegro, quen promocionou o retablo maior; ou Sor María de San Antonio, quen participa na construción da sillería do coro a comezos do século XVII.

A charla, que se desenvolverá na igrexa de Santa Clara, comezará ás 19.30 horas. Entrada libre ata completar capacidade.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 23 resultados.