A Deputación apraza ata novo aviso o último dos coloquios de A Movida Literaria polo triste falecemento de Miguel López, O Hematocrítico

A institución provincial súmase á dor da familia e das amizades dunha das persoas que contribuíron de forma notable ás letras infantís e xuvenís en Galicia, eixe temático sobre o que ía versar o último dos coloquios no que, ademais, ía participar a súa parella, Ledicia Costas

28/11/2023

A Deputación de Pontevedra apraza ata novo aviso o último dos coloquios que ía acoller este mércores a Sede de Vigo no marco de A Movida Literaria polo triste falecemento de Miguel López, O Hematocrítico. A institución provincial súmase á dor da familia e das amizades dunha das persoas que máis contribuíu ás letras infantís e xuvenís en Galicia, eixe temático sobre o que ía versar o último dos coloquios deste ciclo no que, ademais, ía participar a súa parella, Ledicia Costas.

A Movida Literaria, enmarcada na oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a Sede viguesa para os últimos meses do ano, íase pechar este mércores 29 de novembro cun coloquio sobre literatura infantil e xuvenil en Galicia tras celebrar outro sobre novela negra e social. Nesta última cita do ciclo de debates sobre literatura da Deputación, aprazada ata novo aviso por mor do pasamento de Miguel López, ademais de Costas ían participar Marcos Calveiro, María Reimóndez e Manuel Esteban, todas e todos eles amizades do falecido.

A Deputación de Pontevedra quere trasladar o seu fondo pesar por esta triste noticia e achegarlles todo o agarimo da Corporación provincial á familia, amizades e seres queridos de Miguel López.