O AECT Rio Minho participa en Uruguai na creación dunha rede de concas hidrográficas transfronteirizas eurolatinoamericanas

O agrupamento miñoto está a partillar experiencias con entidades internacionais das concas do Rhin, o río Uruguai, o lago Titicaca e as compartidas por Ecuador, Bolivia e Perú

03/05/2023

O AECT Rio Minho

O AECT Rio Minho está a participar en Paysandú (Uruguai) nun encontro internacional no que se formalizará a ‘Rede eurolatinoamericana para a gobernanza transfronteiriza de concas hidrográficas’, unha entidade que pretende facilitar o intercambio de coñecementos e favorecer a cooperación. No seminario están a tomar parte xunto ao agrupamento miñoto entidades das concas do Rhin, o río Uruguai, o lago Titicaca, Arxentina, Ecuador, Bolivia e Perú, así como do Brasil. 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez, quen participou na xornada inaugural en liña, quixo destacar o éxito de participación da iniciativa, desenvolvida grazas ao traballo de cooperación triangular coofinanciado pola ventá ‘Adelante’ da UE.

Insistiu na importancia de que o Miño estea representado nun encontro desta importancia, no que a entidade transfronteiriza pontevedresa se sitúa ao mesmo nivel que autoridades de Uruguai, Arxentina e Brasil (con participantes dos ministerios de Medio Ambiente e Relacións Exteriores), da Asociación de Rexións Fronterizas Europeas (ARFE) e de alcaldes aimaras do lago Titicaca e representantes de Ecuador e Perú.

O nacionalista destacou que as particularidades das fronteiras das concas hidrográfricas son moi semellantes no que se refire á xestión de recursos, tanto ambientais e ecolóxicos como hídricos e sociais polo que aplaudiu o traballo conxunto, que dará solucións válidas e adaptables a cada territorio.

Pola súa banda, o segundo representante do AECT Rio Minho -trasladado a Uruguai-, Xabier Macías, explicou ante un auditorio de máis de 150 persoas as particularidades do planeamento estratéxico do agrupamento miñoto, o traballo que se realiza coas eurocidades, a promoción do turismo e a necesidade de avanzar na protección medioambiental compartida.

Dende o AECT asistiuse con interese á avanzada experiencia de xestión do Rhin, compartida entre varios estados europeos (Suiza, Liechtenstein, Austria, Alemania, Francia, e Países Baixos); á da Comisión Administradora do Río Uruguai (CARU), entidade anfitriona que xestiona a navegabilidade e as pontes internacionais do Río Uruguai; así como á presentación do proxecto de Corredor biolóxico na triple fronteira que se visitará hoxe nas inmediacións de Barra do Quaraí.

Na xornada de mañá o Comité Trinacional (de Uruguai, Arxentina, Brasil) asinará acoordos de cooperación bilaterais coas Eurocidades do Miño da man do AECT Rio Minho, así como coa Mancomunidade Internacional do Lago Titicaca. Posteriormente, o representante miñoto desprazado a Latinoamérica será recibido xunto ao resto da comitiva polo presidente da República, Luis Lacalle Pou. O venres será o momento da formalización da rede eurolatinoamericana.

Galerias de imaxes

audios