A Deputación adxudica a mellora da EP-0104 Ramal-Igrexa de Figueirido en Vilaboa, onde se habilitará unha senda para garantir a mobilidade e seguridade peonil

Os traballos teñen un orzamento de 466.959€ e amais da senda contemplan unha zona de convivencia con prioridade peonil e a rehabilitación do firme

19/05/2023

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguranza viaria e mobilidade peonil na EP-0104 Ramal-Igrexa de Figueirido (Vilaboa) por un orzamento de 466.959€. Os traballos serán costeados na súa totalidade pola institución provincial, xa que o 30% que lle correspondía asumir ao Concello de Vilaboa a través do convenio asinado coa Deputación serán financiados cunha achega do Plan Concellos. A actuación contempla habilitar na estrada unha senda para garantir a seguridade peonil, unha zona de convivencia con prioridade para as persoas e a rehabilitación do firme, seguindo o modelo provincial de mobilidade como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de 4 meses, teñen como actuación central a construción dunha senda peonil ao longo dos 636 metros que ten esta estrada provincial, un viario cun importante tránsito peonil xa que a través del accédese á igrexa de Figueirido e ao cemiterio. Amais da senda, que será de formigón coloreado, contémplanse a rehabilitación do firme e a correcta delimitación do espazo da plataforma da estrada, así como a habilitación de pasos peonís sobreelevados e dun tramo de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido, onde se habilitará unha zona de convivencia e unha praza con prioridade peonil.

Tamén se acometerán outras actuacións no marco do proxecto, como a mellora das actuais paradas de bus, así como a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e reposición de servizos afectados pola execución das obras. Ademais, abordarase o acondicionamento e mellora da fronte das parcelas con edificacións situadas na marxe esquerda e a mellora dos actuais dispositivos hidráulicos. Os traballos completaranse coa disposición de mobiliario urbano ao longo da senda, consistente en bancos de pedra con asentos de madeira e papeleiras, así como coa mellora da sinalización vertical e o repintado das marcas viarias.

audios