A Deputación inicia este luns dúas actuacións para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro
As obras, que contarán cun investimento de preto de 130.000 euros, permitirán rehabilitar e reforzar a estrutura da casona, e mellorar o acceso ao laboratorio de fitopatoloxía
21/04/2024
A Deputación de Pontevedra inicia este luns dúas actuacións para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA). Trátase de rehabilitar e reforzar a estrutura da casona e mellorar o acceso ao laboratorio de fitopatoloxía; unhas obras que levaban xa anos sendo demandadas e nas que o Goberno de Luis López investirá preto de 130.000 euros.
Nestes momentos a casona está insuficientemente illada e presenta danos e incidencias nos elementos estruturais da fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior, o que impide garantir os niveis adecuados de seguridade, habitabilidade e salubridade para desenvolver as actividades do centro. Deste xeito, a través da reforma, na que se investirán 40.000 euros, vanse acometer as actuacións dirixidas á substitución dos elementos estruturais que presentan danos e patoloxías e emendar os danos producidos polas filtracións mediante a impermeabilización das fachadas este e sur da súa primeira planta.
No que respecta ao laboratorio de fitopatoloxía, o investimento ascende a 90.000 euros e permitirá substituír un dos núcleos de escaleiras de acceso á primeira planta, que presenta deficiencias. Tamén se realizarán reparacións estruturais diversas no beiril e piar, substituiranse os cortaventos de acceso e adecuarase o espazo baixo a nova escaleira para almacén.
A EFA é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais coma a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.