A Deputación abre este venres o prazo para solicitar axudas para financiar o equipamento de locais municipais destinados á mocidade

O novo programa “O teu espazo xuvenil”, dotado con 100.000 euros, está destinado aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que recibirán ata un máximo de 2.100 euros

02/05/2024

O teu espazo xuvenil

A Deputación de Pontevedra abre este venres, 3 de maio, o prazo para solicitar as axudas do novo programa “O teu espazo xuvenil”, a liña de axudas dotada con 100.000 euros que  permitirá aos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes financiar o equipamento de locais municipais destinados á mocidade. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de xullo.

En concreto, cada concello poderá recibir un máximo de 1.500 euros, cantidade que se incrementará ata os 2.100 euros se se trata de municipios de reto demográfico (de menos de 5.000 habitantes ou cun maior índice de dispersión de poboación). Con estes recursos poderá subvencionarse desde a adquisición de equipamentos ata outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos dos locais que se destinan a uso xuvenil: mobiliario básico, equipamento de oficina, informático, acústico ou audiovisual, entre outros. En todo caso, os concellos deberán cofinanciar como mínimo o 20% do custo total do investimento.

“O teu espazo xuvenil” busca promover a participación e o asociacionismo da xuventude da provincia e garantir as condicións necesarias para que poida desenvolver a súa vida no seu lugar de orixe. Os locais nos que se realicen as actuacións deberán ser de uso exclusivo para actividades desenvolvidas pola xuventude, malia que tamén poden ter usos compartidos sempre que o da xuventude sexa de xeito continuado (ao longo do ano e, mínimo, un día á semana).

Ligazóns de interese