A Deputación destina máis de 1,2 millóns de euros para fomentar a empregabilidade das persoas máis novas en 36 concellos da provincia

O programa “A túa primeira experiencia profesional” permitirá “ás persoas desempregadas da provincia e xente moza que vén de rematar a súa carreira e estudos de formación profesional, adquirir competencias e habilidades sociais e profesionais”

27/05/2022

Carmela Silva

Con máis de 1,2 millóns de euros a Deputación fomentará a empregabilidade das persoas máis novas en 36 concellos de menos de 50.000 habitantes. Trátase do programa “A túa primeira experiencia profesional” que, como explicou Carmela Silva, permitirá “ás persoas desempregadas da provincia e xente moza que vén de rematar a súa carreira e estudos de formación profesional, adquirir competencias e habilidades sociais e profesionais”.

A presidenta da Deputación confirmou que “todos os concellos que o solicitaron” beneficiaranse desta iniciativa, dotada con 1.226.400 euros, para “reter o talento xuvenil e conseguir que a xente que remata os seus estudos poida completar a súa formación, adquirir experiencia, para logo ter un emprego aquí, na nosa terra, e non ter que marchar a outros lugares como particularmente está a acontecer en Galicia”. Os concellos, tal e como informou Carmela Silva, teñen xa aprobados os recursos e agora deben seleccionar ás persoas que se van beneficiar do programa seguindo os requisitos das bases que, entre outras cousas, especifican que deben estar en posesión da titulación esixida nos últimos tres anos, estar inscritas como demandantes de emprego ou empadroadas nalgún concello da provincia.

“A túa primeira experiencia profesional” está aliñada co programa “Primeira experiencia profesional nas administracións públicas”, aprobado polo Goberno do Estado e financiado cos fondos Next Generation. Ao respecto, a presidenta Carmela Silva recordou que “o Goberno de España dotou de moitos recursos á Xunta para poñer en marcha este proxecto pero a administración autonómica decidiu executalo exclusivamente na súa estrutura administrativa deixando, unha vez máis, aos concellos fóra. Non nos sorprende. Fan isto con todos os recursos que reciben dos fondos Next Generation e por iso a Deputación, considerando que este era un programa moi importante, finánciao ela”.

Ligazóns de interese

audios