A primeira semana de traballo do estudo arqueolóxico de Santa Clara saca á luz máis de 2.000 restos e pavimentos e canalización de auga soterradas

O vicepresidente César Mosquera, o director do Museo e o arqueólogo director da intervención, xunto ao alcalde de Pontevedra, visitaron hoxe as escavacións, nas que hai programadas 68 catas

15/07/2022

Primeira semana de traballo do estudo arqueolóxico de Santa Clara  

A primeira semana de traballo do estudo arqueolóxico de Santa Clara vén de sacar á luz máis de 2.000 restos cerámicos, así como construcións como pavimentos e canalización de auga soterradas. Hoxe mesmo comezaron a aparecer tamén as tumbas do claustro, que serán analizadas por persoal forense que poderá determinar hábitos alimentarios das monxas do convento durante as súas diferentes épocas.

Todas estas cuestións foron coñecidas hoxe na visita que realizaron o vicepresidente da Deputación, César Mosquera e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores para coñecer o avance dos primeiros traballos arqueolóxicos que se están a realizar en distintos puntos do mosteiro, tanto na horta como no interior dos edificios. Estiveron acompañados do director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, e do arqueólogo director das escavacións, persoal adscrito ao Museo de Pontevedra, Rafael Rodríguez, que informou dos achados descubertos.

César Mosquera explicou que "como supoñíamos ían aparecer moitas cousas, o que non podiamos esperar é que en cada sitio que abrimos aparece algo". Están programadas 68 catas en todo o convento e polo de agora "están dando xogo e aportando información sobre que pasou". Tamén lembrou que os estudos arqueolóxicos que se están a realizar en Santa Clara "son os máis amplos e profundos que se teñen feito en Pontevedra e en Galiza, xa que o convento o merece".

Entre os elementos máis destacados están a aparición dun pavimento ao carón do cemiterio do convento. Pode corresponderse cun patio ou un claustro secundario, aínda que está por datar e determinar se era un espazo de interior ou exterior. O que si indica é que esa zona (agora bosque), era un espazo construído.

Tamén se descubriu unha canalización de auga, xa que na zona había bastantes mananciais, mais está por determinar se era de abastecemento para interior do convento ou para o exterior. Prevese ampliar esta cata para obter máis información.

Xa no interior do edificio do século XVIII apareceu unha construción (posiblemente un muro) a escasos 50 centímetros do muro de peche do edificio actual que posiblemente correspóndese cunha edificación anterior, aínda por datar.

Tamén se teñen recollidos máis de 2.000 restos, principalmente cerámicos, que tamén permiten pechar a liña temporal do convento xa que hai elementos que van do século XIV até o século XX.

Hoxe mesmo comezaron a aparecer as tumbas do claustro. Precisamente dende este momento intervirán os forenses para estudar os restos óseos que aparezan e dos que se derivarán conclusións tan importantes como a dieta dos habitantes do convento nas distintas épocas.

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, explicou que estas catas amosan que Santa Clara "non foi un espazo monolítico, senón que as transfomacións nestes oito séculos foron grandes e permitirán definir as fases construtivas". Tamén lembrou que os distintos achados se se van atopando "xa nos fixo cambiar a idea inicial que tiñamos de como puido evolucionar o convento".

Galerias de imaxes