A Deputación saca a poxa a colleita dos viñedos do Castelo de Soutomaior

A poxa iníciase en 1,40 € por quilo de uva albariña e 1,05 € para outras variedades, e as adegas teñen de prazo ata este xoves para presentar as súas ofertas

01/08/2023

A Deputación de Pontevedra saca a poxa pública a colleita e explotación da uva albariña e doutras variedades brancas dos viñedos situados na finca do Castelo de Soutomaior. Trala publicación do anuncio o pasado 26 de xullo, as empresas interesadas teñen de prazo ata este xoves 3 de agosto para presentar as súas ofertas. A Deputación inicia a poxa este ano cun tipo de saída de 1,40 euros por quilo de uva albariña e de 1,05 euros para outras variedades (prezos con IVE incluído), e cunha estimación de acadar os 20.000 quilos.

A adega que resulte adxudicataria (o único criterio que se terá en conta para a adxudicación será a poxa máis alta) farase cargo da vendima na finca do castelo e tamén do traslado da colleita. O ano pasado colleitáronse preto de 19.000 quilos de uva (máis de 16.000 quilos de albariña e outros preto de 2.500 quilos de godello) superando as previsións, estimadas en arredor de 12.000 quilos. Esta cifra supuxo, ademais, a maior colleita desde que a institución provincial implantou o sistema de poxa para a explotación dos seus viñedos.

A explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior remóntase ao ano 1984 e ocupa catro das 30 hectáreas coas que conta o complexo histórico e patrimonial no seu conxunto. Toda a uva do castelo é autóctona e albariña na súa maioría, pero nos viñedos tamén se atopan outras variedades brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) e tintas (mencía e sousón).