A Deputación expresa o seu profundo pesar polo afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo

15/02/2022

Diante da tráxica nova que vén de chegar dende as augas de Terranova (Canadá) co afundimento do barco Villa de Pitanxo, con base en Marín, a Deputación de Pontevedra expresa a súa consternación e profundo pesar diante dun novo suceso que vén demostrar as durísimas condicións de traballo da xente do mar.

A Deputación traslada as súas condolencias institucionais, solidariedade e agarimo tanto ás familias como á empresa armadora Manuel Nores, así como a todo o sector pesqueiro e á colectividade galega que vive do mar.

Finalmente, a Deputación quere transmitir os seus desexos de que as novas que vaian chegando non incrementen aínda máis a magnitude desta traxedia e que os equipos de rescate consigan salvar as vidas do maior número posible de tripulantes.