A Deputación estrea este venres en Poio o novo programa +Convivir dirixido ao movemento veciñal da provincia

A primeira xornada de convivencia terá lugar na explanada da Seca a partir das 16:00 horas do venres 13 de setembro

11/09/2024

A Deputación de Pontevedra estrea este venres 13 de setembro o novo programa provincial +Convivir en Poio. A explanada da Seca, na parroquia de San Xoán de Poio, será o escenario onde se celebrará a primeira das xornadas lúdicas e formativas dirixidas ao movemento veciñal para pór en valor como "xuntos e entre todos" se constrúe a provincia.

A xornada de +Convivir en Poio comezará ás 16:00 horas cunha charla sobre o Alzhéimer, a cargo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO). Unha hora despois, ás 17:00 horas, continuará cun obradoiro de risoterapia e, a partir das 18:00 horas, rematará cunha clase de ximnasia de mantemento seguida dun viño español para todos os participantes que estará amenizado polo Trío Azabache, con peche aproximadamente ás 19:00 horas.

+Convivir é un novo programa provincial co que a Deputación de Pontevedra pretende amosar as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais deste primeiro en Poio, a Deputación ten xa confirmada a realización de encontros cos movementos veciñais dos concellos de Cambados, o 28 de setembro, e Cuntis, o próximo 26 de outubro, en ambos os dous casos tamén en horario de tarde.