A Deputación destina 290.000 euros para que 228 entidades sociais de 45 concellos da provincia poidan realizar actividades culturais

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 250 e os 2.500 euros para actividades para poñer en valor o patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior

11/10/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto 290.000 euros para que 228 entidades ou asociacións sen ánimo de lucro de 45 concellos da provincia poidan realizar actividades culturais. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 250 e os 2.500 euros para actividades para poñer en valor o patrimonio da provincia inmaterial da provincia. “Seguimos, desta maneira, apoiando a cultura e ao sector cultural da provincia. Estamos ao seu carón para que poidan poñer en marcha iniciativas que cheguen a todos os habitantes da provincia –explicou o presidente provincial, Luis López-. Porque o acceso á cultura debe ser universal, e queremos contribuír a iso”.

En concreto, estas achegas divídense en dúas liñas. A primeira, para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, conta cun orzamento de 250.000 € para 188 entidades dun total de 43 concellos da provincia.

A segunda liña dotada de 40.000 euros para a participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da nosa terra pero que se celebren fóra de Galicia, chega a un total de 40 asociacións de 19 concellos.

audios