A Deputación de Pontevedra revalida o seu apoio á feira Etiqueta Negra
29/10/2024
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro, Javier Tourís, acaba de participar no Recinto Feiral de Pontevedra no acto de presentación da oitava edición da feira Etiqueta Negra. Trátase, en palabras de Tourís, “da gran cita co gourmet galego” na que participará a institución provincial a través dun stand onde divulgará a marca TéAreeiro, obtido con brotes e follas de Camelllia sinensis. “O noso obxectivo é dar a coñecer o té autóctono da provincia de Pontevedra e impulsar a produción desta bebida como oportunidade para diversificar e promover o desenvolvemento de Pontevedra e frear o despoboamento no rural”, subliñou.
O deputado tamén aproveitou a ocasión para destacar a calidade dos produtos gastronómicos de Galicia, concretamente da provincia de Pontevedra. “Temos produtos que mesmo se converteron en embaixadores e toman o nome de pobos, vilas e cidades”, asegurou ao tempo que incidiu no impacto da “actividade ligada á gastronomía na economía do noso territorio”. Por estes motivos, segundo indicou Tourís, a Deputación apoia Etiqueta Negra, “un evento que permite construír máis provincia e no que poderemos saborear os nosos marabillosos produtos e sentir no padal a provincia de Pontevedra na súa tradición e vangarda”.